Maruxa das Cortellas, primeira muller homenaxeada no Memorial Ricardo Portela
Por Redacción
O Memorial Ricardo Portela renderá homenaxe por vez primeira a unha muller. Será María Grande Sobral, coñecida popularmente como Maruxa das Cortellas.
Esta veciña de Soutomaior é unha das "grandes tocadoras de pandeiro do país", segundo subliñou a concelleira de Festas, Carme da Silva, durante a presentación do memorial. Ademais, destacou que foi a única muller da súa xeración "que se interesou polo xeito de tocar das persoas maiores nas aldeas".
O goberno municipal amosou así a súa satisfacción polo feito de que esta veciña de Soutomaior vaia ser a homenaxeada, xa que ademais dos "sobrados méritos" como instrumentista e divulgadora da tradición musical galega "axudará a visibilizar as mulleres nun eido no que están ocultas agás no seu rol de cantareiras".
O Memorial Ricardo Portela, coordinado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, desenvolverá un ano máis unha intensa programación que terá o seu epicentro na praza da Ferrería, escenario da mostra de artesáns de instrumentos musicais.
A cita que leva o nome do popular gaiteiro de Viascón será os días 13 e 14 de xullo.
Os Gaiteiros das Rías Baixas, Pola Vila, Os Revoltos, Os Asubios e Os Boucisca, o venres 13; e AC Picuíña, Os Mecos de O Grove, Os Picurruchos, O Gaiteiro de Poio e Lubicáns, o sábado 14, serán os grupos protagonistas dos pasarrúas que percorrerán a cidade
Pola súa banda, Donicelas e TNT serán os protagonistas dos dous concertos programados ao abeiro do memorial o día 13 (21.00 horas) e 14 (ás 21.15 horas), respectivamente. Será xusto antes do concerto-peche do ciclo Ricardo Portela cando se renda homenaxe a María Grande.
Relacionadas:
-
O Memorial Ricardo Portela, un acto de xustiza con Constante Moreda e todos os represaliados do Franquismo
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Memorial Ricardo Portela recorda a Maruxa das Cortellas, a muller que "facía falar o pandeiro"
Por Redacción & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |
-
Rosendo, Bunbury, Antonio José, Carlos Sadness ou Mocedades estarán nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |