Noite 'indietrónica' na Sala Karma con Colectivo Oruga, Fagot y Popota e Alex Casanova
Por Alejandro Espiño
Colectivo Oruga, un dos máximos exponentes do que se deu en chamar 'indietrónica' galega, será o principal protagonista do triplo concerto que preparou a Sala Karma para este venres 10 de maio. Presentarán, a partir das 22.30 horas, o seu novo disco, Paraíso Caníbal. Será nunha velada na que estarán acompañados por outros dous proxectos do mesmo estilo musical, Fagot y Popota e Alex Casanova.
Con Paraíso Caníbal, Colectivo Oruga volven á primeira liña. O seu alucinante LP de debut, Too Many Knobs, marcou un antes e un despois na indietrónica galega. Levounos a todas as grandes citas da música independente, colocounos no punto de mira de todos os medios e púxoos en todas as listas do xa afastado 2010. Para este novo disco, Colectivo Oruga pasáronse ao castelán, pero isto é só o principio.
Os de Vigo alcanzan nesta segunda entrega a súa madurez compositiva e técnica, sen deixar de lado a súa tremenda facilidade para crear hits rompepistas. Pop e son vintage camiñan da man neste Paraíso Caníbal, de inmensos retrousos e aínda mellor son. Trátase dun híbrido de pop, new wave, disco e house na onda de Holy Ghost, Chromeo ou Cut Copy, traendo ao noso idioma as últimas tendencias na música de baile internacional.
A Colectivo Oruga acompañaralle o peculiar proxecto de Diego Lamas e Roberto Casteleiro, Fagot e Popota. Trátase tamén dunha aposta pola indietrónica, unha formación nada en Galicia, entre A Coruña e Pontevedra. O seu primeiro traballo titúlase Que bien huelen los champús, e foi gravado de forma artesanal. Catro anos despois editaron a súa posterior revisión La Caseta del Cocón.
O broche de ouro ao concerto poñerao o pop electrónico, coidado e elegante de Alex Casanova, un artista galego que presenta o seu proxecto en solitario logo de formar parte de The Friendows. Tras gañar numerosos premios, en 2012 publicou a súa primeira maqueta digital, elixida por Mondosonoro Galicia como a mellor demo do ano na edición galega.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de seis euros por anticipado e de oito na billeteira, pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma e www.ticketea.com.
VELCRO, ESTE XOVES EN PEQUENO KARMA
Ademais, Pequeno Karma acollerá este xoves 9 de maio, ás 22.30 horas, un concerto acústico de Velcro. Trátase dunha banda galega que empeza a rodar hai aproximadamente dous anos, afincada en Santiago de Compostela e formada por Isabel Galir, Lucas Ferrández, Javi Bermejo e Curro Marcos.
Velcro é unha banda de pop subterráneo afastado do 'son piruleta' que conseguiu facerse un oco entre as moitas propostas musicais que ofrece esta cidade, un cocktail de crapulismo, elegancia e romanticismo de afterhours. Ata a data prácticamente só pódese atopar material da banda a través de internet e en formato físico, un CD autoeditado de seis temas baixo o nome de El amigo invisible.