Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Blanca Nieves Lourés e Lois Búa, premios Novos Valores 2018
Por Redacción
O xurado de Novos Valores seleccionou como traballos gañadores desta edición unha escultura, unha performance audiovisual, unha pintura e un vídeo creados respectivamente por Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Blanca Nieves Lourés e Lois Búa.
Nesta ocasión presentáronse 99 propostas artísticas. Os catro premiados recibirán unha bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos e serán os protagonistas da exposición que se desenvolverá no Museo de Pontevedra o próximo ano.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, indicou que o xurado tamén seleccionou outras 22 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2018, que se poderá visitar no Edificio Sarmiento a partir do 2 de agosto.
Natalia Umpiérrez é unha pontevedresa que xa participou en varias edicións de Novos Valores. A súa escultura 'Lo merecido' foi elaborada con cerámica rakú con espello de bronce disposto nun estante de madeira. A súa bolsa destinarase a ampliar a formación en México onde poderá incrementar os seus coñecementos sobre cerámica de barro negro e verde típica da zona de Oaxaca.
Noela Covelo, outra artista natural de Pontevedra, foi a gañadora da performance audiovisual co seu traballo 'My statement', elaborado con tres panos de seda nos que aparecen grandes frases escritas sobre o traballo da autora separadas por signos de pausa respiratoria. Trátase dunha obra que alude á tradición popular de Galicia.
Blanca Nieves Lourés, unha pintora de Vigo, obtivo o premio polo seu traballo pictórico 'Ternura'. Trátase dunha yustaposición de tiras de cor que proceden do corte de lenzos antigos.
Finalmente, a mellor obra de vídeocreación é a de Lois Búa, de Muxía, que elaborou 'Synth-Bios - sobreinformación-'. Trátase dun proxecto de cinco capítulos nos que se estuda a división entre o artificial e o natural.