"Na música é case un tabú. Todos temos medo porque é natural ter nervios antes de subir ao escenario; pero é algo do que non se fala. Isto mesmo ao máis alto nivel levou a cancelación de concertos ou xiras por bloqueos no escenario", así exemplifica Álvaro Carballo, presidente de Música Viva, unha realidade dos músicos profesionais e que tratan de reconducir co curso que están a impartir estes días en Pontevedra.
Este curso, xunto ao festival de música de cámara supoñen a súa estrea nas actividades estivais da cidade e contan co respaldo do Concello e o Conservatorio Manuel Quiroga.
A Asociación Música Viva aínda non cumpriu o seu primeiro aniversario. Conformada por catro novos pontevedreses, músicos profesionais formados en distintos conservatorios, axuntaron coñecementos para sacar adiante iniciativas relacionadas coa música clásica.
No curso, no que participan mozos e mozas de 7 a 16 anos, non só reforzan materias propias do conservatorio senón que lles ensinan ese dominio escénico, improvisación ou como interpretar unha peza 'emocionalmente' é dicir, non só a destreza musical senón tamén acompañala de emoción, dos sentimentos que queres transmitir ao público, explica Juan Cernadas, outros dos directivos da asociación.
A segunda das propostas que están a ofrecer é un festival de música de cámara co que queren dar visibilidade a músicos profesionais pontevedreses que están a ofrecer recitais por Europa e fóra do continente europeo; pero que a pesar diso, non resultan coñecidos entre o público.
Os recitais continúan este xoves 12 ás 20.30 no Convento de San Francisco co Dúo Xistra e o venres 13 serán os alumnos do curso os que suban á mesma hora ao escenario de Teatro Principal.