Volve o Festival Flop, doce horas de música, gastronomía e Orgullo LGTBI
Por Redacción
O parque dos Gafos volverá acoller este sábado 14 de xullo unha nova edición do Festival Flop, unha cita que chega á súa cuarta edición en Pontevedra e que ofrecerá, un ano máis, doce horas de música, gastronomía e actividades dirixidas a toda as idades entre o mediodía e a medianoite para visibilizar, normalizar e reivindicar a liberdade de orientación sexual.
O Flop celébrase aproveitando as datas de celebración do Orgullo LGTBI en numerosas cidades de todo o mundo e centra a súa filosofía en manter o espírito das romarías tradicionais, pero cun carácter renovado, aberto e inclusivo que fomenta a diversidade entre colectivos sociais, familias e individuos.
Este ano, como novidade, o festival terá obradoiros adicados ós máis pequenos, a cargo de Martina Dadá. Entre as 12.00 e as 16.00 horas haberá actividades de 'maqui e atto rock', 'residuos nun festi' ou 'con que queres enche-la túa cabeza?'.
Un dos eixos do festival é a súa vertente musical, que este ano terá como cabeza de cartel ao australiano Francis Inferno Orchestra, un dos DJ's e produtores máis destacados do momento, habitual das mellores cabinas e festivais de todo o planeta, que adoita ofrecer nas súas sesións unha variedade de ritmos que vai desde a música africana ao disco ou o house.
A sesión de apertura, en formato vermú, será a cargo do misterioso Percebe Cósmico, alter ego dun coñecido DJ galego de longa traxectoria. E incluirá a dous dos impulsores do Flop, Certain People, responsables da programación e producción do festival e do selo Certain Music.
A programación inclúe propostas con estilos diversos, desde o disco ao house, trap ou electrocumbia. Desde Colombia chegan por primeira vez a Galicia Guacamayo Tropical, dúo de DJ' s e promotores afincados en Madrid que mesturan música tropical latinoamericana e ritmos electrónicos.
Tamén desde Madrid, chega Putochinomaricón, proxecto de Chenta Tsai, un artista de orixe taiwanesa que é na actualidade un dos músicos con máis personalidade da escena do novo hip hop e trap. Cun discurso reivindicativo e amplamente comprometido coa comunidade LGTBI, foi reclamado por festivais como Sónar de Barcelona.
Desde EEUU chega a DJ Ivy Barkakati. O seu discurso aliméntase principalmente do house americano e do música disco en todas as súas vertentes.
O dúo madrileño Dos Attack, responsables do selo discográfico e tenda de discos Riverette e o vigués Pálida, un dos nomes emerxentes máis destacados da música feita aquí, coa súa mestura de electrónica etérea e psicodelia, completan a programación da tarde-noite.
Relacionadas:
-
Unha 'orgullosa' romaría no Gafos para reivindicar a diversidade sexual
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra loce con orgullo a bandeira LGTBI
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Flop Cinema crea alianzas co Cineclube de Pontevedra e os festivais Novos Cinemas e FIC Bueu
-
O FLOP Festival enche de música e bo ambiente o parque dos Gafos
Por Redacción & Diego Torrado |