Nove compañías animarán as rúas de Pontevedra nunha nova edición de Itineranta
Por Alejandro Espiño
Regresa Itineranta ás Festas de Verán de Pontevedra. O festival de animación na rúa consolidouse xa na programación estival da cidade e para a súa novena edición, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de agosto, ofrecerá once espectáculos diferentes.
Nove compañías, chegadas de Galicia, España e Francia, percorrerán os principais espazos do centro histórico mostrando espectáculos que, segundo a edil de Festas, Carme da Silva, "van a deixar con ganas de máis".
Serán todos eles espectáculos que contan cunha gran interacción co público. Ese é, explicou Laura de Gabriel, da compañía Troula, o espírito de Itineranta que, un ano máis, ofrecerá propostas para toda a familia.
Así, os primeiros espectáculos da tarde estarán orientados a un público infantil, mentres que a medida que vai avanzando a noite serán "máis visuais" e incluirán luces e lume.
Haberá tres rutas que unirán Méndez Núñez, a Praza da Leña e Peregrina; a Praza do Teucro coas Cinco Cales, Méndez Núñez e Curros Enríquez; e a Praza de España, Peregrina e Curros Enríquez. Os itinerarios comezarán a partir das oito da tarde.
Itineranta comezará o martes 7 cos clowns de Asaco Producciones, o circo na rúa de Yera Teatro, que encherá Pontevedra de zancudos, patinadores, malabaristas e un gran zeppelin; e o espectáculo de luz e seres do fondo do mar dos franceses Remue Menage.
O mércores 8 será a quenda de Scura Splats, cos seus animais xigantes inchables e xente de diferentes tribos; da psicodelia de Troula, con marionetas de gran tamaño e moita música; dos Discípulos de Morales, cun espectáculo inspirado no mito de Frankenstein; e unha segunda montaxe de Yera Teatro, con marionetas xigantes e luces LED.
Inventi Teatro abrirá o xoves 9 cun autobús que vende apócemas e inventos varios, dando paso a Forani Teatro, que traerá un clown acompañado de música de banda; a Bambola, que trae un globo aerostático doutra época xunto a unha tripulación que festexa a aterraxe; e un espectáculo baseado no lume que representará Scura Splats.
Relacionadas:
-
Itineranta celebra o seu décimo aniversario cos dez mellores espectáculos da súa historia
Por Manu Otero |
-
Un globo aerostático, lume, apócemas e inventos... Itineranta nunca deixa de sorprender
Por Paula Sanmartín & Redacción |
-
Espectáculos na procura de diversión polas rúas de Pontevedra con Itineranta
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |