Ponteatro incluirá a estrea da adaptación teatral do libro 'Invisibles'
Por Natalia Puga
O Teatro Principal e o Pazo da Cultura de Pontevedra volveranse encher de teatro durante os tres últimos meses deste ano 2018 a través de dous ciclos culturais xa asentados na cidade, Ponteatro, unha escolma da mellor escena galega e en galego; e a tempada de teatro de outubro e novembro no Pazo.
Ponteatro levará ao Teatro Principal seis funcións, catro nas tardes-noites dos xoves ás 21.00 horas e dúas nos bautizados como venres golfos ás 23.59 horas, entre elas a estrea da adaptación teatral do libro Invisibles da xornalista e escritora Montse Fajardo, que recolle o relato de sete vítimas reais do maltrato.
O libro publicouse o ano pasado con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e a obra teatral tamén se estreará este ano no mes de novembro. En concreto, será o día 15 ás 21.00 horas no Teatro Principal. Trátase dunha peza teatral de Redrum Teatro que sitúa tres mulleres distintas (interpretadas por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez) nun lugar indeterminado e que busca que non haxa máis mulleres invisibles vítimas de violencia de xénero.
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, presentou este martes os dous ciclos teatrais e deu a coñecer todos os títulos que se poderán ver sobre o escenario. Ponteatro levará ao Principal unha escolma dos mellores espectáculos que se poden atopar na escena galega e en galego, seleccionados xunto coa Rede Galega de Teatro.
Ademais de Invisibles, repetirá en Pontevedra o espectáculo 'Elisa e Marcela' de A Panadaría, que o ano pasado tivo grande éxito de público, e estarán 'A Leituga' de Eme2 emoción y arte o 4 de outubro, 'Tropical' de Elefante Elegante o 20 de decembro e 'Goldi Libre!' de Chévere e 'Estás aí?' de Redrum Teatro nos venres golfos do 26 de outubro e o 2 de novembro.
As entradas para Ponteatro poderán adquirirse de xeito anticipado en www.ticketea.com ou na billeteira central da Casa da Luz. O prezo por función é de 8 euros e menores, xubilados e parados, 4 euros máis gastos de tramitación. O abono para todas as funcións é de 36 euros. De non esgotarse as entradas poderanse comprar na billeteira do propio Principal dende unha hora antes de comezar a función.
Ademais, como xa é habitual, o gravado dunha estampa de teatro ilustra o cartaz de Ponteatro. Nos próximos días abrirase nas redes o concurso para adiviñar que parella é a representada na imaxe e gañar entradas de balde.
No Pazo da Cultura estrearase o 6 de outubro a tempada de teatro, que durante o último trimestre do ano incluirá cinco obras -unha para adultos e catro dirixidas a un público familiar- da man da plataforma estatal Platea, que posibilita a inclusión de Pontevedra nas xiras que as compañías fan por todo o Estado.
Para o público familiar está pensada 'Burundanga. El final de una banda', de Verteatro SL. Será o 6 de outubro ás 21.00 horas. As outras catro será para público familiar. Trátase de 'El apartamento' de Cirk About It o 7 de outubro, ás 18.30 horas; 'La gallina de los huevos de oro' de Zum Zum Teatre o 21 de outubro ás 18.30 horas; 'Akari' de Da T. Danza o 4 de novembroás 18.30 horas; e 'Outono' de Pistacatro o 18 de novembro ás 18.30 horas.
As entradas poderán adquirise de xeito anticipado en www.ticketea.com, no teléfono 902.044.226 ou na billetería central da Casa da Luz. O prezo para función de adultos é de 16 e 6 euros máis gastos de tramitación. De non esgotarse as entradas poderánse comprar na billetería do propio Pazo da Cultura dende dúas horas antes de comezar a función.
Relacionadas:
-
Teatro para poñer o foco na outra cara da moeda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Invisibles' convida a dicir "basta xa" á violencia machista desde o patio de butacas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xúlio Abonjo e Isabel Risco vivirán un 'venres golfo' no Principal con "Estás aí?"
Por Redacción |
-
Domingo de teatro en familia con "La gallina de los huevos de oro" no Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Ponteatro estrea a súa nova tempada coa comedia "A Leituga"
Por Redacción |
-
Cinco espectáculos levarán o máis punteiro do teatro galego a Vilagarcía antes de fin de ano
Por Redacción |
-
As historias de "Invisibles" darán o salto ao teatro
Por Alejandro Espiño |
-
Sete mulleres "invisibles" que rompen o silencio da violencia machista
Por Alejandro Espiño |