Cabo Udra, de aula da natureza a sala de cinema
Por Redacción
O Concello de Bueu, a Asociación FICBUEU e a Deputación de Pontevedra organizan este domingo 19 de agosto unha proxección de curtametraxes relacionadas co mar e os mariñeiros, co obxectivo de dinamizar o espazo da Aula da Natureza de Cabo Udra.
Segundo a información facilitada polo Concello, a sesión terá lugar ás 19.30 horas con acceso de balde ata completar aforo e buca tamén concienciar sobre diversas temáticas sociais.
As curtas que se poderán ver son 'Uno', de Javier Marco Rico; 'Bágoas negras', de Uxía Diéguez; e 'Moby Dick', de Nicola Sorcinelli.
'Uno' ilustra o drama das persoas refuxiadas que arriscan as súas vidas para tentar atravesar o Mediterráneo e chegar a Europa, partindo dun encontro casual por parte dun pescador dun teléfono móbil agochado nunha bolsa no medio do mar.
'Bágoas negras' aborda a catástrofe do Prestige dende o punto de vista dunha familia mariñeira que observa a chegada de chapapote ás costas galegas e o cambio na súa vida.
'Moby Dick' expón dúas viaxes paralelas, a de Bianca e a dunha moza inmigrante ilegal, que se superpoñen literalmente, buscando unha salvación imposible, a pesar dun naufraxio case seguro.
Ademais desta actividade, as persoas que o desexen poderán unirse á ruta de sendeirismo que sairá o sábado ás 9.30 horas desde o porto de Beluso ata Cabo Udra, e na que se poderá coñecer a flora e fauna dun dos espazos naturais con máis encantos da vila morracense.
O Concello de Bueu reabriu durante a temporada estival as aulas medioambientais de Cabo Udra e Agrelo. Así, o Centro de Interpretación de Agrelo estará aberto ata o 2 de setembro, concretamente os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20 horas. E a Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta ata o 30 de setembro, os venres de 19 a 20 horas e os sábados, domingos e festivos, das 11 ás 20.30 horas.