Vetusta Morla, Editors, La Habitación Roja e Niños Mutantes completan o cartel do portAmérica 2013
Por Alejandro Espiño
Volve portAmérica. Porto do Molle (Nigrán) acollerá por segundo ano consecutivo un festival que se converteu en toda unha referencia do panorama musical, non só no noroeste peninsular, senón en toda España. O público así o avala. Máis de 16.000 persoas asistiron á súa primeira edición, un número que pretenden superar este ano. Serán, de novo, tres días de concertos (18, 19 e 20 de xullo) e chega, por agora, con 24 bandas confirmadas.
Durante a rolda de prensa celebrada na Deputación de Pontevedra, os organizadores de portAmérica presentaron nove incorporaciones máis ao cartel do festival. As principais, os británicos Editors, grupo de referencia na música 'indie' inglesa, e Vetusta Morla, que darán en Nigrán o seu único concerto en España en 2013. Ademais súmanse La Habitación Roja, Niños Mutantes, Niño y Pistola, Sethler e tres bandas internacionais, os austriacos Gin Ga, os arxentinos Banda de Turistas e os británicos Sala & the Strange Sounds.
Con eles e as anteriores confirmacións, portAmérica formará un cartel de verdadeiro luxo. "Foi todo un ano de duro traballo", destacou Joaquín Martínez, director do festival, quen recoñeceu que "o grado de satisfacción" do público na pasada edición, que se preparou en apenas dous meses, superando moitas dificultades, "fixo que pensásemos que era unha boa idea repetir".
O festival comezará o xoves 18 de xullo con Sethler, Niño y Pistola, Amaro Ferreiro, Niños Mutantes, Los Coronas, Editors, The Gift e Lagartija DJ. O venres 19 será a quenda de Fon Román, Sala & the Strange Sounds, La Habitación Roja, Standstill, El mató a un policía motorizado, Delafé y las flores azules, Lori Meyers e Bomba Estéreo. E o broche de ouro, o sábado 20, poñerano Banda de Turistas, Francisca Valenzuela, Arizona Baby, Gin Ga, Café Tacvba, Supersubmarina, Vetusta Morla e Delorean.
"Este verano habrá dos grandes acontecimientos: La Vuelta a España y portAmérica", sinalou a deputada Begoña Estévez
"Este verano habrá dos grandes acontecimientos: La Vuelta a España y portAmérica". Esa frase da deputada Begoña Estevez resume a importancia que, en só dous anos, adquiriu este festival. "No tenemos nada que envidiar a festivales como Paredes de Coura", dixo. "Es toda una referencia en toda España". Ademais, destacou que "tras unas complejas negociaciones", a Deputación apoiará a súa celebración integrándoo no programa Música na Volta "y viendo el cartel ha merecido la pena".
As entradas para portAmérica 2013 xa están á venda a través de Ticketea, Ticketmaster e Codetickets. O abono para os tres días de concertos ten un prezo de 50 euros dos que, segundo Joaquín Martínez, "10 corresponden ao IVE cultural e outros cinco a dereitos de autor", mentres que as entradas para cada un dos días custará 25 euros. Ademais, por outros 20 euros adicionais poderase acampar na zona habilitada, próxima a Praia América.
PARTICIPACION DO GRUPO NOVE
Por outra banda, o festival portAmérica volverá contar coa colaboración, un ano máis, dos cociñeiros do grupo Nove. Serán Pepe Solla, Beatriz Sotelo, Javier Olleros, Alberto González, Xosé Cannas e Yayo Daporta, seis estrelas Michelín que realizarán unha serie de degustacións gastronómicas coas que buscan "acercarnos a un público con el que queremos conectar", destacou Pepe Solla.
O festival portAmérica volverá contar coa colaboración, un ano máis, dos cociñeiros do grupo Nove
"Será un reto maridar la música, la cerveza y nuestra cocina", sinalou o cociñeiro pontevedrés que, xunto cos seus compañeiros, presentarán as súas propostas, probablemente durante as tardes antes dos concertos, co obxectivo, dixo Yayo Daporta, de "interactuar co público, en especial cos mozos" e aportar a súa experiencia para que o festival "sexa un escaparate único para a nosa cociña".
OUTRAS ACTIVIDADES
Un ano máis portAmérica será tamén un punto de encontro para emprendedores e iniciativas empresariais. Será a través da Comunidade portAmérica, unha plataforma de proxectos e ideas desde a que se poden compartir propostas innovadoras co obxectivo de darlle visibilidade e dotalos de ferramentas que favorezan a súa execución, de forma que os asistentes ao festival "poidan coñecelos, compartilos e valoralos", explicou Joaquín Martínez.
Ademais, en breve estrearase o documental portAmérica ano cero, dirixido por Alberto Baamonde e Alexandre Cancelo, no que se mostra un "exhaustivo seguimento" de como se constrúe un festival "a contracorrente" e nun tempo "complexo". Trátase dun audiovisual que reúne todas as voces do festival, desde a organización, os artistas que participaron na primeira edición ou o público asistente.
En próximas semanas presentaranse o resto de actividades complementarias de portAmérica 2013, entre elas MercaInnova ou as iniciativas portAmérica Conecta e portAmérica On, unha plataforma audiovisual na que se poden ver un resumo das actuacións da pasada edición.