Cinco espectáculos levarán o máis punteiro do teatro galego a Vilagarcía antes de fin de ano
Por Redacción
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) presentaba este venres os cinco espectáculos que chegarán ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa ao longo dos vindeiros meses, a través da Rede Galega de Teatro e Auditorios.
O director de Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón e os actores Josito Porto e Víctor L. Mosqueira, de Producións excéntricas, presentaban a programación, acompañados pola xornalista Montse Fajardo, autora do libro en que está baseada a obra 'Invisibles'.
O 29 de setembro comezará o ciclo teatral coa representación da obra de Valle-Inclán, 'A cabeza do dragón', presentada en lingua galega a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. O 13 de outubro vai presentarse 'A leituga', a través da compañía Eme2.
A formación de recente creación Señora Supina, composta por estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), será a encargada de continar a programación co espectáculo 'Cinco mulleres que comen tortilla'. Será o 20 de outubro.
A denuncia da violencia de xénero será a protagonista da obra 'Invisibles', representada por Redrum Producións. Chegará ao Auditorio o 24 de novembro. O programa teatral, promovido por Agadic, rematará o 15 de decembro cun espectáculo destinado ao público familiar, 'Os fabulosos Cleaners', creado por Malasombra Producións.
Relacionadas:
-
Vilagarcía anuncia a temporada de teatro no Auditorio, reducido a un terzo do seu aforo
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara: O Teatro Principal pon luz sobre as mulleres 'Invisibles'
Por Marisa Ciordia |
-
Ponteatro incluirá a estrea da adaptación teatral do libro 'Invisibles'
Por Natalia Puga |
-
As historias de "Invisibles" darán o salto ao teatro
Por Alejandro Espiño |