Luar na Lubre presentará en Vilagarcía o seu novo disco, "Ribeira Sacra"
Por Redacción
O grupo galego Luar na Lubre presentará en Vilagarcía o seu último traballo discográfico que leva por título Ribeira Sacra. A banda liderada por Bieito Romero celebrará co público vilagarcián os seus 30 anos de traxectoria musical o xoves 11 de outubro, cun concerto que se celebrará no auditorio municipal.
A banda gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense). Ribeira Sacra ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.
Este novo traballo inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías "que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra", en palabras de Bieito Romero, que salientou que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música".
Para o músico, este territorio "é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non o sexa, e a nosa idea é poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música".
Por iso, o traballo discográfico recolle nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, de fonda tradición etnográfica no entroido, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores.
Ribeira Sacra conta con ducias de colaboradores que achegan o seu grao de area ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel ata Ses, pasando pola Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso ou Juan A. Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez ou Brais Maceiras, entre outros moitos.
As entradas para este concerto xa se poden adquirir a través de www.ticketea.com a 12, 15 e 18 euros (máis custes de xestión), ou o día da actuación na billeteira do auditorio.