Os Xirros, Os do Cotro, As Merlas, Os da Tecedeira, Os Mighelóns... están todos en Dorrón
Por Redacción
A Asociación Cultural Soalleira ten en marcha a II Exposición dos Alcumes de Dorrón.
Todos os anos esta asociación organiza unha xornada folclórica e como complemento unha exposición con unha temática representativa da súa parroquia. Este ano acordaron facer a segunda parte dos alcumes de Dorrón, a primeira realizouse hai 3 anos e tiñan moito material pendiente para expoñer.
Sempre buscaron unha temática moi relacionada cos costumes e o modo de vida do seu pobo e o tema dos alcumes, era algo que xa non podían adiar máis, aseguran, porque "lamentablemente, estase a perder". De feito, nas novas xeracións ninguén se coñece xa polo alcume que levaron os seus pais e avós. Esta iniciativa é unha maneira de conservalos e que queden rexistrados nalgún lugar.
Os organizadores foron preguntando ás familias polo alcume que tiñan. "O que máis nos interesaba era saber o orixe do alcume" (si viña de profesións, lugar de orixe, apelidos, anécdotas...) e tamén a primeira persoa que se lembrara que levara ese alcume. As familias ofreceron as súas fotografías mais antigas para poder escanealas e tamén realizaron a árbore xenealóxica o máis completa posible.
Algúns dos alcumes recollidos este ano son Os Xirros, Os do Cotro, As Merlas, Os da Tecedeira, Os Mighelóns...en total 20 alcumes
Este ano decidiuse ter aberta a exposición unha semana en horario de 20:30 a 22 horas.