As pegadas das cadeiras de rodas como ferramenta artística
Por Redacción
A exposición 'El arte de nuestras huellas' reúne na sede da Fundación Barrié na Coruña unha serie de obras pictóricas creadas polos usuarios do centro de Amencer-Aspace en Pontevedra valéndose das súas cadeiras de rodas como ferramentas para a creación. Poderá verse ata o 7 de outubro.
A mostra, comisariada pola profesora da facultade de Belas Artes pontevedresa Loreto Blanco, ten a súa orixe nun taller do programa de voluntariado que Belas Artes desenvolve con diferentes colectivos. Ester Gandía e Yoshimar Tello, que en 2015 eran estudantes deste centro da Universidade de Vigo, realizaron a actividade no centro de Amencer-Aspace e propuxéronlle aos seus usuarios pintar coas súas cadeiras de rodas.
Trátase dunha exposición integrada por dous cadros de grandes dimensións, 'Cruzando charcos' e 'El arte de nuestras huellas'; tres pezas de medio tamaño: 'Radar embotellado', 'El rastro del soplo' e 'Constelación multicolor' e unha serie de 13 obras de pequeno formato que forman parte dunha serie denominada 'Huellas'.
Todas as obras foron realizadas polos usuarios do centro no que Amencer-Aspace presta asistencia a persoas con parálise cerebral e trastornos neuromotores diversos en Pontevedra valéndose das súas cadeiras e de diferentes adaptacións. Según destacan desde esta asociación, o primeiro cadro que pintaron coas súas cadeiras "marcou un antes e un despois para todos nós".
O colectivo destaca que "a cadeira e as súas rodas manchadas de pintura pasaron a ser a metáfora de moitas cousas para Amencer e máis en concreto para os mozos que acoden ao seu centro de día de Campolongo". Nesta liña de traballo contaron co asesoramento de Loreto Blanco, que explica que "a partires desas experiencias estivemos vendo novas posibilidades de traballar coa roda e eles continuaron desenvolvemento ferramentas a partir do que os alumnos lles amosaron".