Espellos, cintas, berros, almofadas e choiva: compositoras novas e o grupo Neopercusión para abrir o Festival Vertixe Sonora
Por Redacción
Comeza o sexto Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, promovido pola Universidade de Vigo a través do Campus Crea s2i e Vertixe Sonora Ensemble.
O xoves 20 de setembro será o concerto de apertura na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra: Espellos, cintas, berros, almofadas e choiva.
Co patrocinio da unidade de igualdade da universidade, e no marco do programa Eleusis de visibilización de mulleres compositoras, presenta cinco pezas escritas por cinco compositoras novas que, de xeito máis ou menos explícito, homenaxean a estética da música concreta.
O xoves 4 de outubro, a Casa das Campás acollerá Ritual, un concerto de Jean-Étienne Sotty que permitirá escoitar por primeira vez en Galicia un "acordeón microtonal".
Ao día seguinte, Pontevedra acollerá tamén a presentación en España, trala súa recente estrea en París, de Un atractivo raro, un espectáculo que combina a música contemporánea, a danza, a mímica e a poesía, deseñado polo Ensemble Regards e a compañía Vahram Zayran e que combina sobre o escenario a dous músicos e dous acróbatas.
Á semana seguinte, o festival achégase á basílica de Santa María a Maior, onde a violinista polaca Linad Jankowska interpretará tres obras para violín de Pablo Vergara, Yoshiaki Onishi e Pierluigi Billone, mentres que o 27 de outubro a igrexa de San Bartolome acollerá Veredas, concerto no que o saxofonista valenciano Ricard Capellino interepretará seis pezas que o compositor Alberto Posadas realizou insipirándose en poemas do ourensán José Ángel Valente e coas que proporá "unha viaxe por diferentes zonas da igrexa", explicou Souto.
Por último, o festival pecharase o 5 de novembro na igrexa de San Francisco cun concerto do violoncelista de Vertixe Sonora Ensemble Thomas Piel, que servirá para a "estrea mundial" dunha nova peza de Xacobe Gaspar Grandal.