Susana Sánchez Aríns guiará un roteiro literario sobre a represión franquista en Ribadumia, Meis e Barro
Por Redacción
Un paseo literario que guiará aos participantes por puntos dos municipios de Ribadumia, Meis e Barro vinculados coa represión franquista. Así será a actividade que guiará a escritora Susana Sánchez Aríns este sábado 22 de setembro.
O punto de partida do paseo será a Ponte Arnelas e rematará na igrexa de Barro, no lugar onde se atopa a fosa onde están soterrados Ramón Barreiro e Castor Cordal.
Durante a hora e media do paseo, Susana Sánchez Aríns irá deténdose en espazos significativos na época -anos posteriores a 1936- e que na actualidade xa están transformados e xa non dan mostra da súa vinculación co pasado.
Ademais cada parada estará relacionada cun tipo de represión, desde os desfiles de louvanza ao dictador aos que era obrigatorio asistir ata os lugares nos que foron asasinadas ou enterradas as persoas represaliadas.
A particularidade deste paseo literario radica en que é o único que transcorre por puntos do rural, polo que o percorrido se realizará en autobús.
Precisamente o feito de que transcorra só por zonas rurais é unha das características que salienta a autora, quen asegura que "moitas veces parece que o rural na literatura xa non existe e por iso este roteiro é diferente".
Este roteiro, que é o quinto dos sete que organiza este ano o departamento de Cultura e Lingua da Deputación en colaboración coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, aínda permite inscricións para a lista de reserva de última hora, no enderezo roteiros.cultura@depo.gal.