Toy e Delafé, grandes triunfadores dun Festival do Norte que superou con creces as expectativas
Por Alejandro Espiño & Aitana Vidal
"O verán chega da man do FDN. Música, sol e amigos", rezaban as camisetas oficiais do Festival do Norte. Aínda que dese tridente, houbo algo que faltou. O sol. A choiva, o frío e o vento impediron que a duodécima edición do Festival do Norte brillase como en anos anteriores. Aínda así, unhas 12.000 persoas, segundo a organización, deixáronse ver por Vilagarcía de Arousa durante os dous días dun festival que, musicalmente, non defraudou a case ninguén.
E iso que o seu cartel xeraba certas dúbidas, polo menos sobre o papel. Non pola súa falta de calidade, xa que souberan conxugar bandas dunha traxectoria sólida e grupos emerxentes con propostas moi atractivas. Adaptarse ao formato festivaleiro non sempre é fácil e a moitos deles estabamos afeitos velos en salas máis pequenas. Pero eses foron precisamente os que proporcionaron os mellores momentos deste Festival de Norte.
Como Guadalupe Plata. Foron os encargados de estrear o escenario principal. E aínda que o público mostrouse bastante frío con eles e eles pouco comunicativos co público, o seu blues desenfrenado adaptado a sons rockeiros e modernos deixou un gran sabor de boca. Todo iso logo dunha descafeinada sesión de tarde na que fronte a unha Jane Joyd á que lle van mellor concertos máis íntimos ou un Sr.Chinarro que non estivo á altura á que nos ten afeitos, un enérxico Tórtel foi do pouco que brillou.
Tralos andaluces foi a quenda de The Primitives. O concerto que deu a veterana banda inglesa, reunida de novo desde fai un par de anos, non pasará á historia do festival, pero a súa proposta foi correcta, recuperando as súas clásicas cancións dos anos 80 e demostrando profesionalidade e calidade sobre o escenario. E conseguiron animar ao público que, pasadas as dez da noite, enchía xa a carpa esperando o prato forte da noite.
E vaia si chegou. Primeiro con Xoel López, que demostrou que lle ten tomada a medida á perfección ao directo de Atlántico, conseguindo que moitos xa non botemos de menos a Deluxe. Soaron igual de ben as súas novas cancións que grandes éxitos da súa etapa anterior. Difícil non acabar sen esbozaren máis dun sorriso. E por suposto con La Habitación Roja cuxo disco Fue eléctrico, aderezado cun sólido repertorio, é un todo aval para estas citas. E no Festival do Norte non defraudaron. Súas foron as cancións máis celebradas.
Pero os auténticos protagonistas da primeira xornada, para ben e para mal, foron Triángulo de amor bizarro. Para ben, porque o seu rock soou fantásticamente perfecto levando ao delirio aos fans máis incondicionais dos de Boiro. E para mal, porque non se esforzaron en intentar agradar aos que non os coñecían tan ben. O resultado, un concerto musicalmente impecable, pero que apenas emocionou ao público. Algo similar ao que lle ocorreu a Dorian, que a pesar do estalido que provocaron os seus grandes éxitos, estiveron moi lonxe de concertos anteriores.
TOY E DELAFE, GRANDES TRIUNFADORES DO SABADO
E como quen non quere a cousa, chegaba a segunda xornada do Festival do Norte. Previo paso dunha das novidades máis acertadas desta edición, unha sesión vermú que estivo amenizada por un concerto acústico de Tórtel e a música 'pinchada' por Rober Bodegas, Alberto Casado e Carlos Crespo. De novo, o mal tempo trastornou os plans da organización e o que se pensou como unha comida campestre, tivo que trasladarse ao interior do Recinto Ferial de Fexdega, deslucindo o resultado previsto.
Pouco despois comezaban os concertos de tarde con propostas moi interesantes como a de Aurora, quizá una das bandas españolas con maior proxección nestes momentos, Mvnich e Novidades Carminha, que malia tocar demasiado cedo fixeron bailar ao respectable, ou Aerolíneas Federales, que lograron superar algúns problemas técnicos e atrapar a mozos e non tan novos coas súas cancións máis coñecidas.
Xa no escenario principal, o electropop de Estereotypo e o pop-rock dos irlandeses Delorentos, moi aplaudidos polo público, inauguraron unha noite que prometía grandes emocións. As primeiras chegaron da man de Delafé y las flores azules. Poucas propostas musicais desprenden tan bo rollo, tanta enerxía positiva e tantas ganas de bailar. Desde os seus primeiros acordes metéronse ao público no peto.
Serían, probablemente, os grandes triunfadores deste festival se non fose por Toy. Subían ao escenario pasadas as doce da noite. Chegaban cun primeiro disco fantástico sobre o brazo, pero como unha das grandes incógnitas do cartel. E o resultado final non puido ser mellor. Co seu indierock psicodélico por bandeira, ofreceron un concerto sensacional e atraparon ao público, certamente algo durmido ao principio tralo paso de Dover.
E iso que o grupo que lideran as irmás Llanos logrou sacudirse o escepticismo que había sobre eles, recuperando o seu son inicial máis grunge e rockeiro. Revisitaron o clásico Devil came to me, algunhas de cuxas cancións foron cantadas de forma atronadora polas miles de persoas que aínda se estaban recuperando do 'efecto Delafé'. E entre uns e outros, grazas a un directo magistral e as ganas de bailar da xente, We Are Standard puxo o broche de ouro a un festival que demostrou, con creces, que está máis vivo que nunca.