Surfing The Lerez amplía horizontes e traslada os seus concertos á Illa das Esculturas na súa terceira edición
Por Alejandro Espiño
Surfing The Lérez amplía a súa programación. O festival consolídase na oferta cultural de Pontevedra e chega á súa terceira edición. Será de 11 ao 15 de xuño. E faino cunha novidade importante. Estreará escenario ao aire libre. Honrando ao río do que toma o seu nome, trasládase a beiras do Lérez. A Illa das Esculturas acollerá gran parte do ambicioso programa de concertos, obradoiros e actividades paralelas que prepararon os seus organizadores.
Supón un salto de calidade para un festival que nacía o 1 de setembro de 2011 cun concerto na Sala Karma, protagonizado por dous grupos de surf instrumental, Lost Acapulco e Pedrito Diablo y los Cadaveras. Na súa segunda edición, o evento creceu para engadir seis concertos máis en bares da cidade, fusionando a música coa gastronomía. E para este terceiro festival avanzan de xeito significativo.
Para empezar, trasladando todos os seus concertos, oito neste terceiro ano, á Illa das Esculturas. Será o 15 de xuño. O cabeza de cartel será Arizona Baby, que actualmente atópase presentando as cancións incluídas no seu segundo disco The Truth, the Whole Truth and Nothing but the Truth. Xunto a eles completarán o festival Los Tiki Phantoms, Tractor Troy, Los Tupper, Querido Estraño, Gold and Colt, Holywater e Niño y Pistola.
Neste mesmo espazo natural celebraranse os obradoiros de graffitti, de fotografía e o taller infantil de música e teatro, así como un mercadiño que estará aberto a que calquera poida participar, con especial fincapé nas propostas que cheguen dos alumnos da Facultade de Belas Artes, para que exhiban e vendan os seus traballos artísticos. Ademais, invitarase a diferentes marcas consolidadas de artesanía e deseño afincadas en Galicia.
Pero as actividades do festival darán comezo o día 11 de xuño. Será coa vertente gastronómica do Surfing The Lerez, a degustación de distintos produtos artesanais con denominación de orixe galega en distintos establecementos hostalieros repartidos por toda a cidade.
Así, entre o 11 e o 14 de xuño poderase asistir a unha degustación de viños (A Pega Moura), xenebras galegas (A Pega Moura e Pequeño Karma), cervexas artesanais (El Grifón), salchichas artesanais (O gato Chessire). A eles sumarase a que se realizará o propio 15 de xuño na Illa das Esculturas, coincidindo cos concertos: polbo, mexillóns, empanada, churrasco, chorizos do país e repostería galega.
Ademais, a música tamén será protagonista nas outras iniciativas coas que se completa a programación desta terceira edición de Surfing The Lerez. Trátase dunha charla sobre a historia do rock and roll con acústicos en directo, impartida por ÿscar Avendaño (12 de xuño), unha videoconferencia sobre a historia da música sixtie e mod, impartida por Néstor Nantes (13 de xuño) e a presentación do libro La historia do pop según Jesús Ordovas (14 de xuño). As tres celebraranse no Pequeño Karma.