'Forever in Galicia', Castelao tamén se le en inglés
Por Redacción & Mónica Patxot
'Sempre en Galiza', a obra de Castelao que máis simboliza a cultura e a idea identitaria de Galicia como país, xa conta cunha versión en inglés. 'Forever in Galicia' é un proxecto de Craig Patterson, un tradutor nado en Gloucester, en Inglaterra, que leva anos traballando nesta iniciativa.
Este mércores o Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra acollía a presentación desta obra coa presenza do tradutor e do editor Francis Boutle, acompañados polo vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda e o deputado de Cultura, Xosé Leal.
O historiador Paul Preston hai máis dunha década que recomendara a tradución da obra de Alfonso Rodríguez Castelao e Patterson, doutorado en Oxford cunha tese sobre Otero Pedrayo, decidiu asumir o reto atendendo á vixencia que o texto mantén na actualidade, cunha visión non centralista do Estado e unha defensa de Galicia como espazo cunha identidade propia.
Patterson afirma que Castelao achega teses éticas e morais máis que potentes que, segundo asegura, aínda son relevantes e aplicables á Galicia actual.
O tradutor destaca que non buscou nin aceptou axuda por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo este proxecto. A primeira presentación do libro realizouse o 23 de setembro en Cork, Irlanda, durante o congreso Re-encountering the Canon: Literary Translation and Contemporary Iberia.