Unha curta creada no campus de Pontevedra, premiada no AWord Short Indie Film Festival de Los Ángeles
Por Redacción
Na facultade de Comunicación Audiovisual nacía a curtametraxe 'Fume', unha obra do titulado Alejandro Rodríguez, que logrou o premio do público no certame AWord Short Indie Filme Festival de Los Ángeles. Este festival lévase a cabo por internet e as votacións a través de redes sociais e dunha plataforma foron determinantes para conceder a este traballo o Fan Award.
Precisamente, este luns a facultade acollía un coloquio baixo o título 'Obras e milagres de catro curtametraxistas' no que se proxectaron catro curtas que tamén se realizaron, do mesmo xeito que 'Fume', dentro da materia Guión, produción e realización de ficción. Neste debate analizáronse, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez, diferentes cuestións relacionadas co proceso de produción dunha curtametraxe.
'Fume' é unha obra que suma xa unha longa traxectoria de recoñecementos como o accésit nos Premios de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo ou a selección no festival Xociviga do Carballiño e da sección de Escolas do FIC Bueu.
Segundo publica o Duvi, o director tentou que a película fóra máis aló dun traballo de clase e circulase en festivais. Os recoñecementos están a lle animar a realizar novos proxectos de curtametraxes.
Durante o coloquio deste luns proxectábanse os curtos Pecha, Abismo, Blanca e Ref. 409, obras nas que participaron actrices profesionais.