Pontevedra, capital galega da lectura durante os próximos cinco días
Por Alejandro Espiño
"Durante los próximos cinco días, los libros dominan este reino". Era a advertencia que facía a presidenta da Federación Galega de Libreiros, Pilar Rodríguez, durante a inauguración da Feira do Libro de Pontevedra, que se celebrará entre este mércores 22 de maio e o domingo 26 de maio. Un evento que volve á cidade do Lérez logo de nove anos de ausencia.
Aínda que tamén houbo espazo para a reivindicación, xa que Pilar Rodríguez pedíalle ás institucións "que nos dejen trabajar y vender nuestros libros", en clara referencia ás últimas medidas aprobadas para regular o sector, entre eles o aumento do denominado IVE cultural. E animou aos pontevedreses a que "se sumerjan en la lectura" e convertan a esta feira en todo un éxito.
Once librerías, unha editorial e dúas institucións públicas ocupan as catorce casetas habilitadas. Aínda que os libros comezaron a venderse pola mañá, a inauguración oficial tivo lugar ás sete da tarde, nun acto que contou coa presenza, entre outros, da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, a deputada Ana Isabel Vázquez e do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
Este acto inaugural foi amenizado coa música da agrupación Os Alegres e do espectáculo cómico-musical de Ratman & Bobyn, o duo formado polos actores Xúlio Abonjo e Marcos Orse, que fixeron as delicias de pequenos e maiores.
Ademais da venda de libros propiamente ditas, que terán un desconto do 10% con respecto ao seu prezo en tenda, os organizadores da Feira do Libro prepararon unha ampla programación cultural, orientadas a nenos e adultos, tales como contacontos, espectáculos de maxia, de música, de baile e de teatro.
A Feira do Libro de Pontevedra acollerá tamén a presentación de once novidades literarias e firmas de exemplares por parte dunha ducia de recoñecidos escritores. Os primeiros en facelo foron a xornalista Montse Fajardo, que presentaba o seu libro Matriarcas, que vai xa pola súa segunda edición, e os escritores Santiago Lopo e Pilar Martínez, autores de Hora Zulú e A Galiña roxa, respectivamente.
A programación para mañá é a seguinte:
- 18.00 Contacontos: Un reino complicado, a cargo de Fátima Fernández, na caseta da Biblioteca da feira.
- 18.00 Presentación do libro Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada. Participarán no acto Ramón Piñeiro (director artística) e Alejandro Vargas (compositor e director musical), que interpretará varias cancións do disco.
- 18.30 Nieves Abarca asinará exemplares dos seus libros Crímenes exquisitos e Martiryum na caseta de Cronopios Libros
- 19.00 O escritor Ramón Caride, presenta o seu libro Endogamia 0.2 (segunda entrega do proxecto AKTUAL, da colección Fóra de xogo), publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participarán no acto Manuel Busto, Fran Alonso e o autor.
- 20.00 Presentación da novela Faneca brava, do escritor Manuel Portas, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto Antón Sobral e Fran Alonso.
Consulta aquí la programación completa de la Feria del Libro de Pontevedra.
O horario desta Feira do Libro é de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, excepto o sábado e o domingo que se ampliará a súa duración en media hora, pechando ás 14.30 e 21.30, respectivamente.