Eva Fernández, Premio Curtas Armadiña 2018
Por Oskar Viéitez
O certame Curtas Armadiña, na súa edición 2018, outórgalle o premio especial á actriz ourensá Eva Fernández co obxectivo tanto de poñer en valor o seu gran talento como actriz como de resaltar o feito de ter interpretado numerosos personaxes femininos que reivindican e loitan polos seus dereitos.
Así mesmo, desde a dirección do certame quérese destacar a "sensibilidade, a xenerosidade e a humildade que imprime a actriz a todos aqueles acontecementos que a rodean e a implicación coas causas sociais, algo que puidemos constatar no discurso que ofreceu no marco das festas de San Xoán no Concello de Poio".
Eva Fernández iniciouse de xeito público no eido da interpretación audiovisual dando vida a Rosalía Pereira, filla de Miro e Balbina na recoñecida serie da TVG Pratos combinados. Tamén participou noutras exitosas series desta mesma canle, entre elas Mareas vivas, As leis de Celavella (onde interpretou a Matilde, papel co que gañou o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista no ano 2003), Luci, Padre Casares ou Vidago Palace.
Traballou nos filmes Ilegal, de Ignacio Vilar, Rafael, de Xabier Bermúdez, e tamén en A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda.
Fóra das nosas fronteiras, participou nas series estatais El Súper, Piratas, Cuéntame como pasó ou El Ministerio del Tiempo. O seu papel máis recente é o de Esther Lago na serie Fariña, "traballo que lle serviu para consolidar unha traxectoria ben sólida, afouta e fondamente traballada", destacaron.
O festival Curtas Armadiña terá lugar do 12 ao 18 de novembro en diferentes espazos de Poio. A entrega deste premio, xunto ao resto de galardóns do certame, celebrarase o domingo 18 a partir das 19:00 horas no Casal de Ferreirós.