'Invisibles' convida a dicir "basta xa" á violencia machista desde o patio de butacas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A obra teatral Invisibles, baseada no libro do mesmo nome da escritora e xornalista Montse Fajardo, chegará o vindeiro xoves 15 de novembro ao Teatro Principal de Pontevedra co obxectivo de convidar a todo o patio de butacas a decir "basta xa" á violencia sobre as mulleres e "alzar a voz" para rematar coa invisibilidade que ten na sociedade actual esta grave problemática social.
A estrea oficial será ás 21.00 horas e suporá o inicio da campaña deseñada pola concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este venres presentárona a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces; a directora da obra, Marián Bañobre; unha das tres actrices, Sheyla Fariña; o produtor, Guillermo Carbajo; e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.
Ao escenario do Teatro Principal subirán tres actrices, Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, que teñen tres rangos de idade diferentes para poder amosar que "non hai perfil de vítimas, todas podemos ser vítimas e todas podemos ser heroínas", en palabras dunha delas, Sheyla Fariña.
As tres protagonistas trasladarán ao público as historias das sete mulleres recollidas no libro Invisibles, sete vítimas reais de distintos tipos de violencia de xénero cuxas vidas foron adaptadas ao formato teatral nun espectáculo que Sheyla Fariña destaca que é "valente" e do que os creadores prometen que sorprenderá aos asistentes e non deixará a ninguén indiferente.
Marián Bañobre revelou que a idea desta obra ten como orixe a lectura do libro de Montse Fajardo por parte de Sheyla Fariña. "Emocionouse e pensou que estaría ben que non quedara nun libro e levalo a escea". Froito de moitos meses de traballo, lograron que no guión estean representadas as sete historias, aínda que a directora asegura que, en realidade, estarán representadas moitas mulleres máis, pois "desde o concreto fálase de cousas moi universais" e pretenden dar visibilidade a todas as vítimas de violencia de xénero.
A obra conseguiu manter a esencia do libro de Montse Fajardo e, ademais, ten valor en si mesma como espectáculo teatral e, segundo a súa directora, mesmo inclúe certas doses de humor e de ironía, sempre sen perder de vista a "brutalidade" das historias que conta.
Sheyla Fariña agarda que o xoves a obra sexa útil para que alomenos unha persoa do público "se atreva a decir basta xa e a saír da invisibilidade" e, na mesma liña, Marián Bañobre confía en que "sirva para algo" e que se deixe atrás a invisibilidade grazas á "valentía" das sete protagonistas de Invisibles para que se lles vexa.
A obra é unha iniciativa do Concello, a compañía Redrum Teatro e o Centro Dramático Galego e está xa preparada para a súa estrea. De feito, segundo explicou Fouces, este venres produciuse un ensaio xeral ao que asistiron parte das mulleres cuxas historias se contan no libro de Montse Fajardo. Está previsto que todas as que están vivas acudan o xoves á estrea sentadas entre o público.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Ángel Paz. Hai un rock feminista e faino un pontevedrés
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
O drama de Marga: o seu ex asasinou o seu fillo, un garda civil "non me fixo caso" e un xuíz cuestiona a súa reacción
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Alejandro Espiño |
-
Teatro para poñer o foco na outra cara da moeda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dez meses de prisión para el, unha vida esnaquizada polos malos tratos para ela
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- Cara a cara: O Teatro Principal pon luz sobre as mulleres 'Invisibles'
Por Marisa Ciordia |
-
'Namórate de ti', mulleres que fortalecen a autoestima a través da fotografía
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A campaña municipal do 25-N visibilizará o medo e a soidade que sofren as vítimas de violencia machista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ponteatro incluirá a estrea da adaptación teatral do libro 'Invisibles'
Por Natalia Puga |
-
As historias de "Invisibles" darán o salto ao teatro
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Sete historias reais contra a invisibilidade das vítimas e dos agresores de xénero
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Sete mulleres "invisibles" que rompen o silencio da violencia machista
Por Alejandro Espiño |