Curtas Armadiña 2018 presenta unha completa programación durante toda unha semana
Por Oskar Viéitez
O certame audiovisual Curtas Armadiña presentou este venres a súa programación que se celebrará do 12 ao 18 de novembro en diferentes espazos do concello de Poio.
A esta edición presentáronse 900 pezas audiovisuais, procedentes de España e Portugal. Nesta ocasión terase unha especial atención á integración das persoas con discapacidade intelectual.
Os portavoces da organización de Curtas Armadiña 2018, Adrián González e Diego Piñeiro, acompañados polos responsables de Cultura na Deputación de Pontevedra e no Concello de Poio, Xosé Leal e Lida Salgueiro, respectivamente, debullaron o contido das diferentes actividades, que arrancan este luns 12 co curso 'Realizar e dirixir para as redes' da man do realizador Pablo Cacheda, no que os asistentes se achegarán á linguaxe audiovisual actual a través de plataformas como YouTube e de Vines, Vlogs ou tutoriales.
O martes 13, o realizador Jose Aragunde será o encargado de establecer os fundamentos da iluminación nos traballos audiovisuais para que o alumnado poida poñelos en práctica despois sobre unha serie de casos prácticos no taller 'Iluminación para o audiovisual'.
Para o mércores 14, a actriz, artista visual e performer María Roja propón en '1,2,3 e acción' unha reflexión práctica sobre os procesos de creación no campo da actuación ante e para a pantalla. Os asistentes adestrarán ferramentas de creación e interpretación que permitan o diálogo corporal con dispositivos de gravación domésticos a través de aplicacións tecnolóxicas.
Estes tres talleres terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en horario de 19:00 a 21:00 horas, están abertos ao público xeral e son gratuítos.
O xoves 15 no Casal de Ferreirós, ás 19:00 horas, desenvolverase o espazo 'Cinemas diversos' en colaboración coa asociación Down Pontevedra ' Xuntos' coa proxección da curtametraxe ' Prexuízos' seguido dun coloquio e ás 20:00 horas veranse videoclips.
As proxeccións da sección oficial empezarán o venres ás 19:30 horas no Casal de Ferreirós precedidas (ás 17:30 horas) do visionado do documental 'As Encrobas a ceo aberto' de Xosé Antón Bocixa Rei cun coloquio posterior no que participará o propio director.
Poderanse ver as curtametraxes 'Crack', 'De cerca', 'The Neverending Wall', 'Los hombres de verdad no lloran', 'Lo cotidiano', 'Orión', 'Croquetas para el ministro', 'Sonríe', 'Domesticado', 'Noche de Paz' e 'El mejor momento'.
As actividades continuarán o sábado pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00, coa artista visual Alba Branco que ensinará a nenos de entre 8 e 12 anos que acudan ao Centro Cultural Xaime Illa a acurtar a distancia entre corpo e tecnoloxía a través dunha creación ben dinámica no curso titulado 'Gravar e montar un vídeo: un xogo espacial'.
Simultaneamente no Casal de Ferreirós empezará ás 11:30 horas o espazo 'Cinema e muller' en colaboración coa Deputación de Pontevedra e que inclúe o visionado das curtametraxes 'Voguing', de Carme Nogueira, e 'Ei, guapa! ', de Sonia Méndez.
Ao mediodía cederá o protagonismo ao 'Cinema local' coa proxección de 'Bágoas negras', de Uxía Santiago; 'Mare', de Chuco Briones; 'Metrocabina', de Pontevedra Rodando; 'Thanatos', de Axel D. Sánchez; e o anuncio promocional do festival Armadiña Rock 2018.
Pola tarde, a partir das 17:30 horas continúan as curtas presentadas á sección oficial con 'El niño que quería volar', 'Diddl Zapping', 'Mariñeiro', 'Tournées', 'Avelino', 'Abuelo', 'Alertaxochicuatla' e 'Robarte una noche',
Finalmente para o domingo ao mediodía está prevista unha sesión vermú no Casal de Ferreirós a cargo da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA). E desde as 17,30 completarase a sección oficial con 'Rojo amarillo rojo', 'La bomba', 'El último libro de la Tierra', 'Matria' e 'Areka'.
Ás sete da tarde arrinca a entrega de premios na Gala Curtas Armadiña, dirixida pola actriz e directora teatral Marta Pérez.
Relacionadas:
-
'Matria' recibe a Áncora de Ouro do Festival de Curtas Armadiña
Por Redacción |
-
Eva Fernández, Premio Curtas Armadiña 2018
Por Oskar Viéitez |
-
O Xurado Novo de Curtas Armadiña 2018 elixe o mellor videoclip
Por Redacción |
-
Curtas Armadiña presenta catro obradoiros gratuitos e abertos ao público xeral
Por Redacción |
-
Juan de Castro, Pilar Varela, María Roja, Laura Doval e Pablo Cacheda, xurado do Festival Curtas Armadiña
Por Redacción |