Máis de 50 estudantes de Esdemga presentarán as súas coleccións na pasarela Debut 2018
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O desfile Debut 2018 desenvolverase o xoves 22 de novembro a partir das 20.00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta pasarela presentaranse máis de cincuenta colecciones de estudantes de Esdemga (Máster Universitario en deseño e dirección creativa en moda), 15 destas propostas conforman o proxecto fin de estudos de alumnas do centro do campus pontevedrés.
Este luns, Lola Dopico, directora de Esdemga, acompañada por Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes, pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces e polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, presentaba a duodécima edición deste desfile, que chegará acompañado de diversas actividades a partir do luns 19.
A Facultade de Belas Artes acolle desde principios de semana workshops a cargo de Silvia&Guy, Carla Hidalgo, Inés Rodríguez, a creativa sombrereira italiana Patrizia Fabri e Elena Rial, unha antiga estudante do Esdemga, que conta xa cunha notable traxectoria profesional, segundo explicaba Lola Dopico ao indicar que fora deseñadora revelación en Cibeles e tamén realizou traballos en Berlín para agora recalar, de novo, en Galicia para traballar co equipo creativo de Zara. A Casa das Campás acollerá unha conferencia sobre a moda como arte.
Silvia García indicaba que o desfile Debut permite a todos os estudantes participar nun sistema profesionalizado, que se converteu nun referente para as empresas do sector. Á pasarela subiranse 40 modelos e o xurado estará composto por diferentes representantes do negocio da moda como Patricia Fabri, Adriana Rodríguez, Charo Álvarez e Isabel Cantista.
Lola Dopico incidía na importancia que ten esta cita para os creadores. Neste sentido, apuntaba que antigos estudantes son agora os encargados de entrevistar ás novas promesas nas xornadas técnicas de Recursos Humanos que se desenvolven o día 23, tras a celebración do desfile.
Relacionadas:
-
Raquel Barbosa triunfa na pasarela Debut, un espectáculo de creatividade e cor
Por Redacción |
-
O alumnado de Esdemga prepárase para a pasarela 'Debut'
Por Redacción |
-
A pasarela Debut busca modelos para a súa duodécima edición
Por Redacción |
-
A Esdemga, única escola española na Graduate Fashion Week de Londres
Por Redacción |
-
Dúas estudantes de Esdemga, premiadas polo seu proxecto 'Maruxa' en Camariñas
Por Redacción |
-
RADIO.- A playlist de... Lola Dopico. Unha muller tecida xunto varios homes
Por Marisa Ciordia |