A Bella Otero, Maruja Mallo e María Casares reviven visualmente en Pontevedra
Por Redacción
O segundo proxecto da Pontevedra Filme Commission xa está en marcha. A concelleira de Promoción económica e Turismo, Carlota Román, presentaba o inicio da rodaxe de tres propostas audiovisuais englobadas dentro de Proxecto C-3 que se centrarán na vida e obra de tres artistas galegas: A Bella Outero, Maruja Mallo e María Casares. Tres mulleres que foron vangardistas no seu momento e que tiveron que triunfar en Europa para ser recoñecidas en Galicia.
Tres mozos, Beatriz Moares, Noelia Toledano e Noel Queipo, son as encargadas de poñer en marcha este proxecto que gañou o premio nacional á mellor iniciativa xuvenil do INJUVE 2013.
A proposta está integrada por 20 mozos galegos con distintas orientacións profesionais e que, na maioría dos casos, se encontran sen traballo. Neste sentido, Noelia Toledano que interpretará a La Bella Otero na primeira das producións que se comezará a rodar o martes 28, indicou que o obxectivo é tomar as tres artistas galegas como exemplo de loitadoras que se enfrontaron ás dificultades do seu tempo.
CASTING
O luns a partir das 4 da tarde, o Pazo da Cultura acollerá un casting no que se seleccionarán ao redor de 60 persoas de todas as idades para participar na rodaxe que se desenvolverá entre o martes 28 e o xoves 30 de maio. As localizacións nas que se desenvolverá a gravación serán o Pazo de Lourizán, o Café Moderno e o Teatro Principal, ademais de varias casas particulares.
Ese mesmo luns, a partir das 19:30 horas, o Pazo tamén será escenario para catro obradoiros relacionados co proxecto no que se traballará a parte audiovisual, de caracterización, fotografía e interpretación.
O proxecto ademais de ser presentado en distintos auditorios de Galicia contará con presenza en Internet a través das redes sociais e de blogs. Esta iniciativa complétase con libros biográficos visuais destas tres mulleres.