Teatro para poñer o foco na outra cara da moeda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Exercicio número 1. Tente poñerse en situación. Unha sociedade na que as mulleres aínda parece que están tocadas polo don da invisibilidade, na que a luz é especialmente escasa cando se fala de vítimas violencia machista e na que, con todo, cando se produce un episodio de malos tratos, o foco acaba poñéndose sobre quen o sofre e non sobre quen condena á súa parella ou ex parella ao calvario,
Exercicio número 2. Unha vez situado, tente imaxinar que ese contexto, que lle será facilmente reconocible porque é a sociedade na que vive, non aparece silenciado.
Exercicio número 3. Tente pensar nun método para dar visibilidade a todas esas historias de malos tratos que se viven día a día e en silencio nesa sociedade.
Xa pode esquecer o exercicio número 3. En Pontevedra, alguén deu xa coa resposta: Invisibles. Hai un ano chegou en forma de libro da man da xornalista e escritora Montse Fajardo como un fogonazo de luz para a campaña municipal do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este xoves chegou de novo, coa mesma intensidade, pero distinto formato, en forma de obra de teatro.
Tres actrices, Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez, representaron sobre o escenario do Teatro Principal esa sociedade descrita no exercicio 1 cunha proposta da compañía Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego e o Concello de Pontevedra que non deixou indiferente ao público que xa hai días esgotara todas as localidades dispoñibles, tanto ao adolescente que asistiu á representación previa para institutos pola mañá como ao de todas as idades que estivo na estrea oficial pola noite.
Non hai mellor proba do impacto que o silencio que reinou durante a representación e, sobre todo, unha vez que as luces volveron iluminar o patio de butacas e os espectadores resistíronse a volver afacer a retina a un mundo no que a invisibilidade e o silencio volve imperar para as mulleres.
Nieves, Sheyla e Nela representaron sobre o escenario as historias de malos tratos das sete mulleres ás que un ano antes retratara Montse Fajardo. Foi baixo a dirección de Marián Bañobre e cunha proposta na que todo o peso do relato recaeu sobre o seu bo facer como actrices e a versatilidade de interpertar vidas tan diferentes e á vez tan iguais como as de Eva, Ana, Marga, Irene, Begoña, Tina e Mariluz (se buscaba un spóiler, aquí non o terá, deberá ver a obra que nos próximos días chegará a Viana do Bolo, Vilagarcía e Milladoiro ou ler o libro).
Elas son as verdadeiras protagonistas de historias reais que só nalgún caso se ocultan sobre nomes ficticios, que dúas delas non poden contar porque un maltratador ao que a sociedade ocultaba arrebatoulle a vida e das que, moitas veces, só se coñece unha das caras da moeda, a visión que dá o maltratador e que a sociedade 'compra' como boa.
Invisibles mostra esoutra cara da moeda, a da muller que recibe insultos, a da ameazada, a que xa asimila como parte do seu día que a chamen puta e lle peguen, a de quen chega a pensar que é máis levadío levar un golpe porque a dor física pasa antes que seguir sometida a quen a ningunea e lle demostra que hai unha dor máis forte, a que non deixa mazaduras e fai dano por dentro.
Valéndose de recursos escénicos como xogos de luces e música e do apoio dunha cámara de vídeo que se converte en testemuña dun casting ao que nunca estará libre de acabar presentándose calquera muller, a obra acaba recreando esa dor, logra que o espectador se meta na pel dunha muller que non daba o suposto perfil que os estereotipos desta sociedade considera que ten unha muller maltratada. Logra mesmo que consiga empezar a entender esa impotencia e tristeza incurable unha nai á que o seu maltratador lle arrebatou aquilo co que máis dano podería facerlle, o seu fillo,
"Por que non se pon o foco sobre eles?", preguntáronse as actrices no tramo final da representación, cando xa dificilmente quedaba un espectador sen soltar unha bágoa ou limpar o nariz. A resposta non a teñen elas nin se debuxa sinxela para o resto da sociedade, pero con iniciativas como Invisibles resulta máis fácil abrir a mente, tomar conciencia e empezar a construír unha sociedade que rompa con esas dinámicas, que axude a detectar os malos tratos e que poña voz a ese silencio de quen queda tan anulada que non é capaz de gritar o seu calvario.
Relacionadas:
-
Estudantes pontevedreses toman conciencia sobre feminismo e o Camiño de Santiago con #2Pilgrims
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Ponte Caldelas tomará conciencia contra a violencia machista co libro e a obra teatral 'Invisibles'
Por Redacción |
-
Ángel Paz presenta o rock feminista de 'Rostros invisibles' ante o público pontevedrés
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot |
-
O drama de Marga: o seu ex asasinou o seu fillo, un garda civil "non me fixo caso" e un xuíz cuestiona a súa reacción
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: 'Invisibles' vista por estudantes de ESO
Por Marisa Ciordia |
-
"Se é un maltratador nunca é un bo pai"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Cara a cara: O Teatro Principal pon luz sobre as mulleres 'Invisibles'
Por Marisa Ciordia |
-
A campaña municipal do 25-N visibilizará o medo e a soidade que sofren as vítimas de violencia machista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Invisibles' convida a dicir "basta xa" á violencia machista desde o patio de butacas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ponteatro incluirá a estrea da adaptación teatral do libro 'Invisibles'
Por Natalia Puga |
-
As historias de "Invisibles" darán o salto ao teatro
Por Alejandro Espiño |