O Museo Manuel Torres acolle a exposición "O traxe tradicional na nosa fala"
Por Redacción
A Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra inaugura este venres día 30 de novembro, ás 20:00 horas, unha nova exposición no Museo Manuel Torres de Marín, "O traxe tradicional na nosa fala".
A exposición baséase nos diferentes termos que usa a lingua galega para se referir a cada unha das pezas da nosa indumentaria tradicional.
A asociación pontevedresa exporá máis de 50 pezas, a maior parte antigas, coa nomenclatura apropiada a cada unha delas.
Ata o próximo día 8 de decembro poderase visitar no Museo Torres en horario de 18 a 21 horas de martes a venres, e de 11 a 14 horas os sábados, domingos e luns.
Sete Espadelas naceu en Pontevedra froito da unión de dúas coleccións de roupa tradicional e hoxe en día ten máis de 70 socios.
Os seus membros contan no seu haber con máis de 20 premios no día do Enxalzamento do traxe de Santiago e 7 premios de investigación sobre o traxe tradicional "Antonio Fraguas". No ano 2018 fixeron dúas grandes pasarelas "Sete varas, un refaixo" de vestiario tradicional no Teatro Colón da Coruña e na Cidade da Cultura de Galicia, ademais de múltiples pasarelas en Redondela, Mondariz, A Guarda, Ponteareas, Cangas e Noia entre outras.