Lucía Catoira achega ao público a dirección de fotografía desde a súa experiencia persoal
Por Marisa Ciordia
Lucía Catoira Pan estudou Belas Artes en Pontevedra, logo marchou a Barcelona para facer un posgrao e un máster en Dirección de Fotografía Cinematográfica. Aquilo foi hai dez anos e "desde hai aproximadamente un podo dicir que vivo disto". É unha das experiencias persoais que esta moza coruñesa compartiu no marco das actividades de EnfocA.
Regresou a Galicia para desenvolver a súa vocación coa intención de poder vivir desa profesión. "Paréceme que é unha sorte vivir aquí e manterme disto; o normal é que teñas que saír fóra, de feito supoño que nalgún momento vereime obrigada a saír. Podes tentar facer millóns de cousas e que non salga nada, pero eu pensaba, se algunha vez tento facer algo me encantaría que fose aquí, que fose en galego, que fose coa genete de aquí, paréceme algo que lle debes á túa cultura".
Este 2018 foi un punto de inflexión na súa traxectoria. A comezos de ano converteuse na primeira muller que obtén un premio na dirección de fotografía dos premios Mestre Mateo. Foi coa longametraxe de Andrés Goteira ' Dhogs' que pasou a ser tamén o máis premiado destes galardóns. Lucía Catoira apunta "a visibilidade" que lle reportou aquel premio, grazas ao que chamaron á súa porta para que traballe en novos proxectos.
Neste encontro falou do seu traballo no curto 'Matria' de Álvaro Gago, que conseguiu o gran premio do xurado no Festival Sundance; e na longametraxe 'Trote' de Xacio Baño, que se vai a estrear o 14 deste mes de decembro e está a recoller boísimas críticas en festivais nacionais e internacionais.
Lucía Catoira tamén avanzou algúns proxectos cos que se mostrou ilusionada e que realizou con outras mulleres como Sandra Sánchez ou Sonia Méndez "teño que recoñecer que o traballo que eu fago é moito máis fácil grazas ao que elas fixeron antes desde hai anos."
ACTIVIDADES ENFOCA
As actividades de ENFOCA continúan coa exposición aberta ata o 9 de decembro no CITA co traballo das fotoxornalistas Mónica Patxot, Cristina Saiz, Beatriz Ciscar e Alba Sotelo. Para este venres un roteiro fotográfico e o sábado 1 de decembro un taller de fotografía infantil no espazo do Concello de Pontevedra no Culturgal, así como unha quedada fotográfica nocturna pola cidade.