Novos Cinemas apúntase ás datas previas ao Nadal para ofrecer as películas máis alternativas
Por Mónica Patxot & Redacción
Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, cambia este ano de datas e aséntase nos días previos á celebración do Nadal. Desde o martes 11 ata o domingo 16, quince películas van amosarse nas seccións competitivas, na Oficial e en Latextos, deste evento cinematográfico e trece delas son estreas en Galicia.
Este mércores presentábase no Sexto Edificio do Museo esta cita cultural coa presenza dos promotores de Novos Cinemas, Daniel Froiz e Ángel Santos, da produtora Matriuska, acompañados polo director do Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o deputado Xosé Leal e o vicerreitor Jorge Soto. Todos destacaron a importancia que ten un festival destas características para que o público poida comprobar as novas dentencias cinematográficas e os traballos de realizadores que comezan a despuntar.
Jacobo Sutil aproveitaba para anunciar que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) aumenta un 21% as axudas aos festivais audiovisuais do vindeiro 2019, pasando de 140.000 a 170.000 euros.
Na edición deste ano, o cinema realizado en Galicia estará representando polas obras de Diana Toucedo, que competirá na sección oficial con 'Trinta lumes', Eloy Enciso, Jaione Camborda e Eloy Domínguez.
Os autores máis novos teñen o seu espazo na sección latexos coa proxección de cinco películas que non se tiñan proxectado ata o dagora en Galicia.
Tamén se levará a cabo unha retrospectiva internacional sobre unha das cineastas máis descoñecidas do cine europeo contemporáneo, Teresa Villaverde, unha directora portuguesa que trata temas como a incomunicación ou a marxinalidade a través dunha estética moi característica.
O pase para ver todas as películas de Novos Cinemas ten un prezo de 15 euros, lembraba Ángel Santos, mentres que cada sesión custará tres euros. As actividades con encontros cos diferentes creadores van realizarse no Teatro Principal, a Casa da Luz, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra.
Ademais, durante as noites, van levarse a cabo sesións musicais na Sala Karma e en El Pequeño con pinchadas a cargo de Galician Bizarre, M. Lewinsky, Diego de la Church e concertos de Selvática, Trompas de Farlopio e Glitter & Litter.
Toda a programación de Novos Cinemas pode verse a través desta ligazón.
Relacionadas:
-
A película chinesa 'Suburban Birds', de Jiao Qu de Niao, gañadora de Novos Cinemas 2018
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Novos Cinemas inaugura a súa Edición 03
Por Redacción |
-
Luces, cámara... acción! Comeza Novos Cinemas
Por Redacción |
-
A terceira edición de Novos Cinemas contará con 15 películas nas súas seccións competitivas
Por Redacción |
-
Os Novos Cinemas incorporan a música á programación da súa terceira edición
Por Redacción |
-
A "boa sintonía" entre Concello e Deputación chega ao patrocinio de actividades culturais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |