20 aniversario de Domingos do Principal co propósito de seguir emocionando a nenos de 3 a 90 anos
Por Anxo Lourido
Os nenos que hai 20 anos ían ver os espectáculos de Domingos do Principal agora xa é público adulto e ademais esixente. A afirmación da concelleira de Cultura Carmen Fouces parte das opinións das compañías teatrais que presentan as súas obras en Pontevedra e que sinalan a esixencia de calidade que sempre se marca polos espectadores da cidade.
A concelleira acompañada por Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, entidade organizadora dos Domingos do Principal, presentaban a programación desta vixésima edición dun Festival de Teatro familiar que xa suma máis de 300 representacións e cun notable éxito. Nesta ocasión darase cabida a todas as artes escénicas desde teatro de actor ata a danza, a máscara ou o teatro de sombras, pasando polo circo, ofertando obras que poden gustar tanto aos nenos de 3 anos como aos de 90, apuntaba Fouces.
O primeiro espectáculo chegará o 20 de xaneiro coa obra 'Rojo Standar', da compañía granadina La Nördika. Unha obra innovadora na que se combina circo e danza, que obtivo o Premio Fetén 2018 e o Premio Lorca deste ano.
'Pavillón Lino' será a seguinte montaxe que visite o Principal. Chegará o domingo 27 e xaneiro. Caramuxo Teatro ofrece unha obra de máscaras na que se fai unha homenaxe ao desaparecido Pavillón Lino da Coruña, un espazo de múltiples actividades artísticas ata a súa desaparición.
Teatro Gorakada, unha compañía de Euskadi, ofrecerá a versión infantil de 'El viaje de Ulises', o domingo 3 de febreiro. Xacobe Rodríguez indicaba que cunhas varas metálicas, os intérpretes crean múltiples situacións espectaculares percorrendo o Mediterráneo.
O domingo 10 de febreiro chega unha obra da compañía A la sombrita, de Sevilla. Baixo o título de 'El tesoro de Barracuda' ofrécese unha obra cun tratamento das sombras absolutamente innovador, que provocará a diversión de pequenos e grandes.
A quinta montaxe será 'Aguratrat' da compañía galega Pérez&Fernández. O seu argumento céntrase nunha relación entre un home e a súa veciña a través dunha tartaruga.
'Emportats', de La Trócola circo, un grupo de Alacante, mostrará a través de números circenses unha posta en escena chea de humor e música. Esta obra obtivo o Premio Fetén 2018 ao mellor espectáculo de noite.
Domingos do Principal finalizará o 10 de marzo con 'Euria', de Markeliñe, unha proposta sen palabras con toques de humor onde se narra como hai que recuperarse ante a desaparición dun ser querido. Obtivo o premio Fetén en 2017 ao mellor espectáculo.
As obras contarán con dobre función, ás 12.00 e ás 18.30 horas. Ademais haberá tres funciones concertadas con centros escolares. As entradas atópanse á venda en Ataquilla por 4 euros e o abono polas 7 funcións é de 21 euros. Prezos, que segundo explicaban desde a organización, permiten facer un bo agasallo para estes Reis.
Relacionadas:
-
O desaparecido Pavillón Lino da Coruña rexorde nos Domingos do Principal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Unha viaxe en 360 graos para inaugurar Domingos do Principal 2019
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Domingos do Principal viste de 'rojo estándar' para subir o pano dunha nova edición
Por Redacción |