Voices trae a Pontevedra a Lila Downs, Luisa Sobral e un terceiro artista sorpresa
Por Alejandro Espiño
Tres artistas que transcenden a escena musical e son persoas "preocupadas e comprometidas" con causas sociais. É a proposta que ofrecerá a terceira edición do ciclo Voices, que traerá ao Pazo da Cultura a mexicana Lila Downs, a portuguesa Luisa Sobral e un terceiro artista sorpresa que, segundo os organizadores, ofrecerá un "gran espectáculo".
O ciclo foi presentado este xoves pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e o seu director, Carlos Mantilla; que adiantaron que o abono para os tres concertos sairá á venda a partir deste venres a un prezo de 58 euros.
A cantautora Luisa Sobral, unha das artistas máis importantes en lingua portuguesa, será a encargada de abrir Voices. Será o 13 de abril, no Pazo da Cultura. A artista, compositora da canción coa que o seu irmán Salvador Sobral gañou Eurovisión 2017, presentará o seu novo disco, un traballo con marcadas influencias do jazz.
A edil de Cultura sinalou que "era importante" para o Concello traer a unha muller como ela, xa que ademais de achegar a súa "fortaleza musical", confían en que sirva para "poñer o ramo" a todo un mes de actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que en 2019 estará dedicado á lusofonía.
Lila Downs, que segundo os organizadores do ciclo é todo un "torbellino" sobre o escenario, chegará ao Pazo o 21 de xuño. A artista mexicana, todo un símbolo do feminismo en Latinoamérica, arrancará en Pontevedra unha xira de catro concertos en España.
Chega con novo disco que, segundo Carlos Mantilla, profunda no carácter " inclasificable" desta intérprete, que aúna con mestría os ritmos tradicionais de América Latina con sons moito máis vangardistas. Así, neste álbum trata a "desmoralidade actual" e as novas políticas de Estados Unidos cos seus veciños do sur.
Entre ambas, se reserva unha data para un artista sorpresa. Actuará en Pontevedra o 12 de maio. Polo momento non quixeron desvelar o seu nome pero si garanten que se trata dunha figura internacional e que provocará un gran impacto no público.
Ademais, cada un dos concertos estará teloneado por artistas locais e tanto Lila Downs como Luisa Sobral e o terceiro artista sorpresa participarán en diferentes actividades co público que adquira o abono para os tres concertos.
Desde a organización, Carlos Mantilla sinalou que Voices mantén un ano máis a filosofía de apostar pola "exclusividade", por grandes nomes da música internacional "que se saen dos circuítos máis habituais" e que "non é fácil" que pasen por España.
Nesta ocasión, engadiu, os tres artistas comparten voces que "transcenden o musical" e que aproveitan as súas actuacións para falar de cuestións de actualidade ou denunciar inxustizas sociais. "É moi importante escoitalos no escenario e falar con eles noutros espazos", explicou.