Cuntis xa coñece o proxecto do edificio municipal que albergará o Centro de Interpretación Arqueolóxica
Por Redacción
David Álvarez Caeiro, redactor do proxecto do edificio municipal que acollerá o Centro de Interpretación Arqueolóxica da sede da Fundación Terra Termarum Castrolandín presentaba aos repesentantes políticos dos diferentes partidos da corporación municipal e ao alcalde de Cuntis manuel Campos a proposta que se vai levar a cabo.
O arquitecto explicou que o antigo edificio será rehabilitado e vai acondicionarse para que se convirta nun espazo de múltiples usos para a Fundación. Desta forma, está prevista a creación de zonas para obradoiros de cerámica castreña como de lugares en que ofrecer charlas divulgativas. O centro contará tamén cunha sala de exposicións.
Álvarez Caeiro explicou que o inmoble contará con dous espazos libres e multifuncionais. No andar baixo vai situarse unha zona principal que dará acubillo á sala de exposicións e tamén plataformas para divulgación informativa. No andar do semisótano está previsto que se instalen as oficinas administrativas e de traballo da Fundación.
O obxectivo, segundo explican desde o goberno local, é que o proxecto sexa funcional e todas as zonas poidan ser empregadas para diversas actividades.
Castrolandín é un asentamento de finais da Idade de Ferro situado a un quilómetro do centro de Cuntis. Conta cunha muralla, parapeto e coroa central. Este castro atópase asociado ao Centro de Interpretación, que se alberga no casco histórico, edificio que será rehabilitado neste novo proxecto.