Wöyza: "Galicia sempre foi moi rockeira e moi punk. Foi complicado atopar un oco para o meu hiphop"
Por Alejandro Espiño
Xa está aquí Contrariadas. En apenas 48 horas dará comezo o novo ciclo musical do Pazo da Cultura. Farao co gran atractivo de ver en Pontevedra á arxentina Nathy Peluso, unha artista multidisciplinar que vai moito máis alá do trap e a música urbana que domina nas redes e nos escenarios de todo o mundo.
Xunto a ela neste primeiro concerto do ciclo (sábado 12, 21.00) actuará tamén Wöyza. Con ela, charlamos en PontevedraViva. Natural de Moaña, logrou crear un son propio a partir dunhas influencias musicais que van do hip hop, ao soul, ao funk, ao góspel ou ao R& B. O seu segundo disco, Pelea, foi todo un éxito e situouna como unha das referencias do hiphop soul galego.
Como afrontas o concerto do sábado?
Con moitísima ilusión porque me encanta o concepto do festival. É un halago que contasen con dous artistas do noso xénero musical. Empeza agora a ser coñecido pero as que xa levamos moito tempo nel acollemos con moita ilusión que conten con este xénero como tal, o hiphop soul, e non só dentro de festivais de rap ou de soul.
Vas coincidir con Nathy Peluso sobre o escenario?
Lamentablemente non. Son concertos independentes, a pesar de que están dentro de una mesma sesión. Pero é gratificante ver como este xénero vai collendo forza. As novas xeracións están a levar máis lonxe este concepto. Gústame ver como dúas mulleres, ela con 24 anos e eu case con 35, defenden sobre o escenario propostas tan diferentes.
Contrariadas, segundo explicaron os seus responsables na presentación, contará con mulleres creativas, transgresoras, contraditorias e combativas. É unha boa definición para Wöyza?
Véxome definida, si. O meu último disco, de feito, chámase Pelea. A vida é unha gran batalla e só a uns poucos afortunados regálaselles unha vida de luxo. O resto temos que saír aí fóra e loitar, sobre todo se es muller. Topámonos con pedras que non criamos que puidesen estar aí e con teitos invisibles que pensabamos que non podiamos romper. Imos lográndoo aos poucos.
Crees que hai que dar pasos cara a un maior compromiso social?
Estamos nun momento preocupante. Eu síntome igual de comprometida, pero é tremendo ver que, a pesar de ter máis información que nunca, suceden cousas como as de Andalucía ou que nos chamen feministas radicais ou feminazis, unha forma moi despectiva de tratar a mulleres que sentimos cómodas e orgullosas e que loitamos por cambiar as cousas.
Volvendo á túa carreira, imaxínome que os teus inicios non foron fáciles...
Foi complicado atopar un oco. Galicia sempre foi moi roqueira e moi punk. O meu foi moi paulatino. Aquí sentinme moi apoiada, pero o certo é que atopei moito respaldo noutras cidades. O que si cambiou é que teño un equipo todo de mulleres e antes a maior parte eran homes. O feminismo hai que facelo real, levalo á profesión e non só reflectilo nas letras dunha canción.
O que tiñas claro desde nena é que este estilo era o teu, non?
Si, a min a música negra desde que era pequena tocoume a pataca. Sempre me chegou á alma.
E como é Pelea, o disco co que segues xirando actualmente?
É un disco autobiográfico ao 100%. É moi realista. Eu creo que moitas mulleres, e tamén os homes por suposto, pódense sentir identificadas con calquera dos temas. Non é nada espacial, é algo próximo. Son cousas que nos poden pasar a todos.
Que esperas do concerto de Pontevedra?
Pois estarei con todo o equipo que me acompaña sempre no escenario. Vai ser un show dinámico, positivo e imos bailar unha chea. Que a xente non se acomode nas súas butacas porque niso coincido con Nathy, gústanos que o público participe e se mova. Estou segura de que nos van a seguir o ritmo.