Lidia Salgueiro manterá en Poio a participación cidadá da programación de Nadal para a difusión cultural neste 2019
Por Redacción
Lidia Salgueiro, concelleira de Cultura e Festexos en Poio, amosábase este xoves moi satisfeita coa programación de actividades durante as festas de Nadal e coa participación por parte da veciñanza. Sinalou que a asistencia aos actos que se organizaron a diario durante un mes acadou unha media de cen persoas con propostas nas seis parroquias do municipio. O espectáculo infantil de María Fumaca foi o que contou con máis éxito dentro das iniciativas desenvolvidas durante estas festas.
A responsable de Cultura indicou que tiñan participado nestes actos 24 empresas da contorna, 12 colectivos sociais do municipio e nove centros educativos, ademais de particulares e traballadores do Concello de Poio.
Desde o goberno local está previsto manter esta liña de participación para a difusión cultural ao longo deste 2019. Neste sentido, Lidia Salgueiro indicou que, ademais dos serivzos de dinamización do Concello, consolidarán o traballo coas distintas comunidades veciñais, educativas e asociativas coa intención de fomentar a rede de espazos municipais tentando chegar a público de todas as idades.