A Deputación fomentará o turismo arqueolóxico a través da musealización dos castros
Por Redacción
A presidenta da Deputación Provincial anunciaba este venres que a institución que encabeza xa ten rematados os traballos de eescavación, restauración, consolidación e levantamentos topográficos nos 18 xacementos galaico romanos da provincia.
Carmela Silva sinalaba que se levou a cabo un investimento de 3,5 millóns de euros e agora será o Ministerio de Fomento, a través dunha addenda asinada ao mes de que Pedro Sánchez ocupara a Moncloa, o organismo que se encargue da musealización destas zonas e asumirá accións que inicialmente lle correspondían á Deputación co obxectivo de consolidar as estruturas xa restauradas.
A presidenta explicou os traballos arqueolóxicos desenvolvidos nos castros de Santa Trega (A Guarda), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Castro (Ribadumia), O Facho (Cangas), Alobre (Vilagarcía de Arousa) e o Mercado dos Mouros no municipio de Valga.
No caso da Lanzada realizáronse dúas fases de intervención entre 2016 e 2017 cun investimento económico de 300.000 euros. Documentáronse 16 estruturas e ampliouse a superficie correspondente á primeira factoría de sal de época prerromana atopada no Noroeste da península. tamén apareceu unha estrutura rectangular pertencente ao século IV e que se estuda se pertence a un edificio de carácter relixioso. Nesta zona tamén se detectaron 17 inhumacións, entre as que destacaba o esqueleto de Cornelia. 14 destas inhumacións pertencían a menores dun ano.
En Ribadumia, no Monte do Castro investíronse máis de 180.000 euros. Actuaron en 18 estruturas e en máis de 70 metros liñais de muralla.
En Alobre, a aportación superou os 152.000 euros con ampliación da zona visitable do castro e a aparición de máis de 9.300 pezas nunha primeira fase dos traballos. Na segunda apareceron 2.000 pezas máis.
A Deputación visará os proxectos de musealización que propoña Fomento antes de que se envíen a Patrimonio da Xunta de Galicia co obxectivo de que se autoricen. A presidenta calcula que este mesmo ano os proxectos estarán licitados e algúns rematados.
Carmela Silva indicou a importancia destes espazos para promover o turismo cultural. Nestes momentos, España é o sexto país no mundo escollido como destino arqueoturístico, por detrás de Italia, Exipto, Grecia, México e Perú. Neste sentido, a dirixente provincial sinalaba que estas visitas representan o 37% do sector turístico e é fundamental para desestacionalizar a chegada de viaxeiros.
Relacionadas:
-
Novos estudos demostran que o xacemento da Lanzada é do tamaño da praia de Silgar
Por Redacción |
-
Varios colectivos de defensa do patrimonio rexeitan a actuación no Castro da Subidá
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva culpa das "mentiras" do PP ao "ardor guerreiro" do seu portavoz provincial
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Pontevedra explotará turisticamente a relevancia europea do seu porto comercial no medievo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A exposición 'Galaicos, un pobo entre dous mundos', guía arqueolóxica e visual da provincia
Por Noticia patrocinada |
-
Presentan 'Galaicos' no Museo, a exposición que promoverá a chegada de turismo arqueolóxico
Por Redacción |
-
O patrimonio arqueolóxico da provincia faise un oco nos mellores museos do país
Por Redacción |
-
Os bebés achados no castro da Lanzada están datados entre os séculos I e III despois de Cristo
Por Oskar Viéitez |
-
Cornelia é do século V, Miami confirmouno
Por Oskar Viéitez |