Máis dun cento de grupos e artistas conforman o catálogo do Musigal 2019
Por Redacción
Un total de 101 grupos e artistas inscritos conforman inicialmente o catálogo do Musigal 2019, ao que os concellos da provincia xa poden acceder para solicitar a súa actuación ao abeiro deste programa. Neste momento quedan tres grupos pendentes de ser admitidos en dito catálogo.
Esta segunda edición do programa, que conta cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que arrancara con 70 inscritos.
Por categorías, a que conta cun maior número de inscricións é Son Tradición, que agrupa as propostas de música tradicional galega, cun total de 33 formacións e grupos.
Séguelle Son Actual, categoría na que se inscriben grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica, con 26 inscritos. En terceiro lugar sitúase a categoría Son Crianza, para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, con 14 inscritos.
Séguenlle as categorías Son Muller, con grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista son mulleres, e Son Clásico, grupos de música clásica que teñen no seu repertorio composicións de autores galegos, con 10 inscritos en cada unha delas.
Por último, a categoría Son Mocidade, que acolle grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes son menores de 35 anos, conta con 8 inscritos.
Tal e como estipulan as bases, os concellos poderán realizar as súas solicitudes antes do 8 de febreiro e só se lle concederá unha única actuación, mais na solicitude poderán indicar ou sinalar ata un máximo de tres grupos por orde de preferencia, e farán constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación.
As solicitudes realizaranse a través do formulario da sede electrónica da Deputación e antes de formalizala, os concellos deben ter consensuado co grupo ou artista a data da actuación –comprobar que o grupo ten dispoñibilidade na data requerida-. A actuación concedida será cofinanciada entre a Deputación e os concellos. O organismo provincial asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación. Outras das novidades incorporadas con respecto á anterior edición, é que cada grupo ou artista só poderá ter un máximo de cinco actuacións ao abeiro deste programa.