Alexander Vórtice presenta o seu poemario 'Tempa Maltreita'
Por Almu Dapena
O Ateneo de Pontevedra organiza un relatorio arredor do libro de poemas Tempa Maltreita, de Alexander Vórtice, autor galardoado con diversos premios literarios tanto a nivel autonómico como estatal.
O poemario, publicado pola Editorial Discursiva, fai unha viaxe de ida e volta ata o máis fondo das emocións propiamente humanas: noites acedas, corredoiras húmidas, persoas falcilmente substituíbles e pensións de mala morte, sempre procurando un lugar onde a esperanza poida reverdecer e brotar entre a negrura que nos outorgan as patadas do destino.
O acto terá lugar o vindeiro venres 1 de febreiro, ás 20.00 horas, no Espazo Nemonon, situado no edificio Villa Pilar; rúa do Marqués de Riestra, 11-1º, onde o autor estará acompañado por Anxo González Guerra, profesor xubilado de Lingua e Literatura Galega, e Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra.
Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979), é poeta, columnista, escritor e colaborador de PontevedraViva e en diversos blogs literarios tanto en España como en Sudamérica. As súas obras publicadas ata hoxe son ‘Destilería Ocaso’ (2004), ‘Neurosis Tremens’ (2005), ‘Material de Soños’ (2008), ‘Dios y Otros Superhéroes’ (2013), ‘Atrofiadas as estrelas‘ (2015), ‘Crónica de un Hombre Bueno‘ (2016), ‘Vegetaciones Carnívoras’ (2017) e ‘Tempa Maltreita‘ (2019).