O Atlantic Fest crece con Marlon Williams, Nacho Vegas, La Bien Querida, María Rodés e Cariño
Por Alejandro Espiño
Cinco novos artistas súmanse ao cartel da nova edición do festival Atlantic Fest, que se celebrará na Illa de Arousa os días 26, 27 e 28 de xullo. Trátase de Marlon Williams, Nacho Vegas, La Bien Querida, Maria Rodés e Cariño, segundo confirmou a organización.
Todos eles únense a Love of Lesbian, a única banda que se anunciou ata o momento.
O artista neozelandés Marlon Williams presentará no festival o seu último traballo, Make Way For Love, un disco que fala dunha ruptura sentimental (a súa coa tamén cantante neozelandesa Aldous Harding) e que soa a country, folk, rock & roll, e pop.
Nacho Vegas, un dos artistas máis consolidados e respectados do noso país, chegará ao escenario do Atlantic Fest con toda a súa banda para repasar os grandes éxitos da súa carreira e, especialmente, os temas incluídos en Violética, un disco dobre editado en 2018 no que colaboran, entre outros, Cristina Martínez, Christina Rosenvinge ou María Rodés.
Esta última, María Rodés, tamén estará na Illa de Arousa. Virá co seu cuarto disco, titulado Eclíptica. Trátase dun álbum conceptual inspirado no seu antepasado astrónomo, Lluis Rodés, que une o folclore, a experimentación sonora e a canción íntima para iniciarnos nunha viaxe de espírito infinito en busca do sol ou do amor.
La Bien Querida, pola súa banda, estreará no festival o seu quinto álbum de estudo, Fuego. A banda que lidera Ana Fernández-Villaverde, ofrece neste traballo unha especie de auto-reformulación, un redescubrimento, porque musicalmente hai un pouco de todo o que xa coñeciamos pero transgredido.
A última confirmación ata o momento é a de Cariño, unha nova banda formada por María, Paola e Alicia, que ofrecen un punk-pop burbulleante e explosivo con pinceladas surf e unhas letras altamente adictivas. Actuarán na primeira xornada do festival, o venres 26 de xullo.
Os abonos para Atlantic Fest atópanse á venda a través da web oficial do festival ao prezo reducido de 50 euros ata o 9 de abril.
Relacionadas:
-
O Atlantic Fest máis comprometido quenta motores para a súa edición de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Los Planetas volven dous anos despois ao Atlantic Fest completando o seu cartel
Por Redacción |
-
Dorian e The New Raemon, entre as seis novas confirmacións do Atlantic Fest
Por Redacción |
-
Love of Lesbian, primeira confirmación para o Atlantic Fest 2019
Por Alejandro Espiño |
-
O Atlantic Fest xa ten datas para 2019: 26, 27 e 28 de xullo
Por Alejandro Espiño |