'The Florida Project', prato forte do Cineclube no mes de febreiro
Por Almu Dapena
O Cineclube Pontevedra aposta por catro películas de diferentes nacionalidades para o mes de febreiro. Arnaud Desplechin, Ildikó Enyedi, Sean Baker e Le Chang-Dong son os directores protagonistas da programación para este mes.
As proxeccións serán os martes no Teatro Principal ás 20.30 horas.
A primeira proxección chegará o martes 5. Trátase das Pantasmas de Ismael, escollido como filme de apertura da Sección Oficial de Cannes 2017. Este último traballo do francés Arnaud Desplechin, conta a vida dun director de cinema que, en pleno proceso de creación dunha película, terá que lidar co regreso da súa esposa que cría morta dende hai dúas décadas.
O martes 12 será a quenda da húngara En corpo e alma. Ildikó Enyedi, premiada co Oso de Ouro da Berlinale en 2017, reivindícase cunha delicada historia de amor que une a dúas persoas introvertidas que comparten os mesmos soños cada noite. Atípica historia de amor que asume con fino sentido do humor e esclarecedora sensibilidade as taras e particularidade do amor, protagonista desta historia.
O prato forte chega o martes 19 con The Florida Project onde o estadounidense Sean Baker propón unha viaxe, da man dunha nena de 6 anos e a súa nai, a un motel barato de Orlando, preto (e lonxe) de Disney World. Filme político sobre as esquecidas e esquecidos do soño americano, co que Willem Dafoe estivo nomeado a Mellor Actor de Reparto nos Oscar 2017.
Para rematar o mes, o martes 26 proxectarase Burning, do coreano Lee Chang-Dong, Premio Fipresci de Cannes en 2018. Película baseada no libro Queimar celeiros de Muramaki, trátase dun relato turbio e incerto que nos presenta a Jong-su, novo aspirante a escritor, desempregado e aparentemente conmocionado polo consumismo salvaxe que define á sociedade coreana.