Os videoclips, gran novidade do certame Ben Veñas Maio 2019
Coa intención de adaptarse a novos formatos, a organización do certame de promoción da lingua galega nos centros de ensino medio Ben Veñas Maio decidiu na edición deste ano incorporar a modalidade de videoclip, que substitúe á de música. A intención é que os artistas que participen interpreten temas orixinais ou versións de poemas en lingua galega e que realicen orixinais vídeos musicais, unha actividade cada vez máis haibtual grazas á utilización de dispositivos móbiles.
O concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, acompañado por Francisco Suárez, coordinador dos departamentos de Normalización lingüística organizadores do evento, presentaban esta edición que constará de sete disciplinas ás que se poderá presentar o alumnado: banda deseñada, narración curta, poesía, curtametraxe, fotografía e teatro, ademais de videoclips. Todas as propostas deberán estar realizadas en lingua galega.
Os traballos poderán presentarse ata o martes 23 de abril. A entrega de premios levarase a cabo nunha gala prevista para o 9 de maio na que haberá unha representación teatral e se proxectarán os videoclips finalistas. Nesta gala tamén actuará o grupo gañador do apartado musical da pasada edición, un apartado que desaparece este ano.
Os premios para as distintas categorías son de 150, 300 e 450 euros. O total dos premios supera os 3.300 euros. Nesta edición, os grupos de teatro recibirán 150 euros, 80 máis que nas anteriores edicións, para que poidan afrontar os gastos de montaxe e adquirir infraestruturas.
Oubiña explicou que na xente nova reside o futuro da lingua e por iso, este certame leva máis de 25 anos desenvolvéndose e segue a contar con numerosos participantes entre a comunidade escolar.