O Cuarteto Novecento, especializado en música do impresionismo, actuará o luns 11 no Principal
Por Olaya Madrigal
O Cuarteto Novecento protagonizará o concerto da Sociedade Filarmónica de Pontevedra previsto para o luns 11, en lugar do Cuarteto Ophir, obrigado a suspender a súa xira tras un accidente sufrido pola súa primeira violinista, Amanda Nesa.
Cuarteto Novecento é un grupo de música de cámara integrado por artistas de diferentes puntos de Europa cuxa oferta vai máis aló do habitual, cun repertorio centrado na música escrita a finais do impresionismo, para abarcar todo o século XX ata a actualidade.
Ildikó Oltai e Irina Gruia son as dúas violinistas do cuarteto, ao que completan a viola de Ioana Ciobotaru e o chelo do galego Millán Abeledo. Todos os seus integrantes son membros da Real Filharmonía de Galicia, o que foi o seu punto de encontro e o principio da formación do grupo de forma estable. Dende a celebración do seu primeiro concerto en 2016, viaxan por territorio autonómico con gran éxito entre o público e a crítica.
Na actualidade, o grupo está a traballar en “Galicia en cuarteto”, un CD que incluirá tres pezas de compositores galegos nunca antes gravadas: Cuarteto de cuerda en Do mayor, de José Arriola (1895-1954); Cuarteto de cuerda, de Juan Durán (n. 1960) e Cuarteto de cuerda en Sol mayor, op. 16, de Marcial del Adalid (1826-1881). Estas obras serán as que deleitarán ao Principal o luns ás 20:30, como parte dun programa diferente e practicamente descoñecido, que seguro contará cunha boa acollida entre o público.