O "Apocalipsis Z" do pontevedrés Manel Loureiro seduce a "The Walking Dead"
Por Alejandro Espiño
Cunha audiencia que supera os 200 millóns de espectadores en todo o mundo, The Walking Dead converteuse nunha serie de culto para os amantes do xénero fantástico e de terror. A adaptación televisiva dos comics de Robert Kirkman converteuse en todo un fenómeno de masas. Recentemente estreada a terceira temporada en Estados Unidos e en España, os seus leais seguidores cóntanse por centos de miles nas redes sociais.
Precisamente a eles está dedicado un das súas últimas mensaxes en Twitter. E cun marcado acento pontevedrés, o do escritor Manel Loureiro, creador da exitosa saga Apocalipsis Z. E é que a canle oficial de The Walking Dead, recomenda encarecidamente a lectura desta triloxía. Din que é a mellor forma de acougar a ansiedade a todos aqueles seguidores que non poidan esperar máis polo seguinte capítulo da serie.
"Non podes esperar polo próximo episodio?", preguntan en Twitter. "Consegue a túa dose zombi con tres novos libros", destacando entre eles o Apocalipsis Z de Manel Loureiro. Xunto a esta recomendación engádese un enlace para que os internautas poidan comprar o libro a través de Amazon.
Can't wait for the next ep? Get your Zombie fix with 3 new zombie books, Strangers in the Land, Z 2134 & Apocalypse Z! ow.ly/eAHTs
The Walking Dead AMC (@WalkingDead_AMC) octubre 19, 2012
Esta recomendación é un paso máis no éxito internacional que está obtendo Apocalipsis Z en medio mundo. Precisamente foi AmazonCrossing, unha editorial en papel, propiedade da poderosa plataforma de venda, e especializada na tradución de autores ao inglés, a que comprou os dereitos para Estados Unidos. Pero antes, a historia zombi de Manel Loureiro xa seducira a países como Italia, Brasil, Portugal, México, Arxentina ou Chile.
Desde PontevedraViva unímonos á recomendación do twitter oficial de The Walking Dead. Se aínda non lestes Apocalipsis Z, non sabemos a que estades esperando