Iolanda Díaz Gallego, memoria viva da migración galega en América, ofrece unha charla na Casa da Luz
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot
Os recordos do exilio galego en América e a loita polo recoñecemento e a liberdade volverán ocupar un oco nas imaxinacións de todos os asistentes á charla de Iolanda Díaz Gallego este xoves ás 20:00 horas na Casa da Luz. A charla é parte do ciclo cultural "Contrariadas", unha iniciativa que ten como fin visibilizar a mulleres loitadoras, inconformistas co funcionamento da sociedade e capaces de alzar a súa voz para mudar a realidade que lles afecta.
Iolanda Díaz Gallego é unha das voces femininas incansables e comprometidas coa loita e cultura desenvoltas no marco da emigración galega en Uruguai. Con toda unha vida adicada a Galicia e á causa galeguista, trátase dunha promotora indispensable da nosa cultura e unha memoria vivente da actividade galega no exilio.
Nada en Sarria en 1934, emigrou coa súa familia a Uruguai con tan só 19 anos. Alí comezou a súa labor na procura do desenvolvemento social e cultural de Galicia que se estendería por máis de dúas décadas. Aos poucos meses da súa chegada, empezou a colaborar na emisión radial en galego "Sempre en Galicia", un altofalante para a cultura galega do exilio e que segue, aínda hoxe, transmitindo Galicia dende Uruguai.
Foi cofundadora, entre outras institucións, do Patronato da Cultura Galega en Uruguai e do Teatro Popular Galego de Montevideo. Dende alí, coloborou tamén de forma activa na publicación "Historia de Galicia" de Ramón Otero Pedrayo e, unha vez regresada a Galicia, na creación da casa-museo de Rosalía de Castro en Padrón.
Trátase, en definitiva, dunha voz chea de vivencias que en moitas ocasións non figuran en rexistros históricos e tan só poden ser escoitadas.
Na charla que impartirá este xoves na Casa da Luz, será posible coñecer de primeira man esas historias e volver uns instantes a un momento tan relevante para a nosa cultura.
Miguel Anxo Fernández Lores xunto a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, recibiron a nova convidada do ciclo cultural de "Contrariadas" na mañá deste xoves.