A Aña Urbana e Trépia celebran o seu décimo aniversario con máis canto, baile e sorpresas
Por Olaya Madrigal
Este sábado chega á Praza do Concello a décima edición de Aña Urbana, un encontro coa tradición popular organizado pola Asociación Cultural de Trépia, que deixará aos asistentes cheos de festa e pulpo.
Na mañá deste xoves, a concelleira de Festas Carme da Silva, xunto aos representantes de Trépia, presentaron as actividades que se desenrolarán durante o sábado e informaron sobre pequenos contratempos.
Segundo os seus organizadores, esta edición vai ser especial e estará cargada de novidades, xa que este ano Trépia tamén celebra o seu décimo aniversario. Por isto, agárdase que ademáis do programa e actividades habituais, a cita estea chea de sorpresas.
Algúns dos adiantos que anticiparon son a entrega dun agasallo ao mellor grupo do roteiro ou o novo premio honorífico "O leghón de Ouro", que lle será entregado a un colaborador destacado de Aña Urbana pola súa dedicación e esforzo.
Por outra banda, debido á pouca fiabilidade do tempo atmosférico nesta semana, a organización da iniciativa decidiu trasladar á carpa as actuacións en caso de ser necesario "temos onde facer a actividade de todos os xeitos, por iso non vai haber problema", informaba Xandre Outeiro, membro de Trépia.
No interior da carpa haberá postos, entre eles, a polbeira e unha opción vegana para que todos poidan gozar dos alimentos do país. A participación nas actividades do serán é aberta, polo que calquera pode unirse.
Como contratempo, o autor de "Bailescribindo", Serxio Cobos, non poderá impartir o obradoiro previsto por motivos profesionais. Igualmente, todos os interesados en aprender a escribir o baile poderán facelo da man da colaboradora Mercedes Prieto.
En palabras de Carme da Silva, "Como vedes, unha programación que nos manterá durante todo o día bailando, cantando, comendo e desfrutando da nosa cultura tradicional... e iso do obradoiro de regueifa pode ser moi interesante, incluso se pode aproveitar en campaña electoral!"