A Banda de Música de Pontevedra crea sinerxías no Teatro Principal
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Baixo o título de 'Sinerxías', este domingo ao mediodía, a Banda de Música de Pontevedra volvía subir ao escenario do Teatro Principal para ofrecer un interesante concerto baixo a batuta de Rafael Agulló.
Nesta ocasión, o concerto contou coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra coa interpretación solista do mestre de frauta, Iago Lariño e do gañador da III edición do Concurso de Solistas, que organiza o conservatorio, Roi Xesteira, intérprete de bombardino.
O programa ofrecía obras como 'Burn', de Roland Barret; 'Harlequin', de Philip Sparke; Foundry, de John Mackey; 'Shades of Syrinx', de Herbert Marinkovitz e por último 'Heijamano', de Bert Appermont.
A cita contou tamén coa actuación do coro do conservatorio Manuel Quiroga.