Campaña de crowdfunding para facer posible un novo proxecto audiovisual rodado en Pontevedra
Por Redacción
A Alameda e a Illa das esculturas en Pontevedra e as praias de Foxos en Sanxenxo e Samil en Vigo serán as localizacións principais de 'Sen Alento', unha curtametraxe proxectada por Uxía Santiago que, se consegue os fondos suficientes, gravarase entre o 7 e o 10 de xuño. Antes, os seus impulsores acaban de poñer en marcha unha campaña de crowdfunding para lograr o financiamento colectivo dos gastos asociados á rodaxe.
"Inma e Roberto coñécense mentres fan running. Nacerá unha amizade que se produce nun dos momentos máis difíciles das súas vidas". Esta é a carta de presentación do proxecto, no que as persoas interesadas poderán facer achegas de entre 10 e 500 euros. Todos os que desexen colaborar, poden facelo a través desta ligazón.
'Sen alento' é unha curtametraxe de aproximadamente 15 minutos de duración, un drama con toques de comedia que, segundo explican os seus impulsores, trata sobre a superación persoal, a través do deporte e a relación de amizade que se crea entre os dous personaxes principais. Aborda tamén a importancia da amizade nos momentos máis difíciles e, sobre todo, de non deixarse derrubar polas circunstancias e os infortunios que nos atopamos na vida.
Un dos factores máis importante da curtametraxe é o deporte, neste caso o 'running', xa que é a vía principal que une aos nosos personaxes e que, sobre todo, axúdalles a combater as súas dificultades. Este deporte sérvelles para desafogarse e evadirse unhas horas, dos problemas que os acompañan no seu día a día.
Esta curtametraxe é o segundo proxecto que asumen a maioría dos mozos creadores que forman parte do equipo. O primeiro foi 'Bágoas Negras', rodado en outubro de 2017 e seleccionado no FICMA (Festival Internacional de Cinema do Medio Ambiente), a Mostra Internacional De Curtametraxe Solidaria E Sensibilización De Cidade Real, SICA (Semana Internacional De Cinema De Autor De Lugo), o Curtas Fest (Festival Internacional De Cinema E Cómic De Vilagarcía de Arousa). Resultou a cinta gañadora da sección cinema galego de Redondela en Curto.
Uxía Santiago é a produtora, directora e guionista; Olga Fernández, a directora de fotografía e cámar; Rafa Darrosa, o resposnable de son; Soraya Vilela, a scrpt; Beatriz Ciscar, a responsable da foto fixa; e Roberto Abreu, o da música. A actriz Lucía Hernández encarnará a Inma e o actor Diego Cabarcos, a Roberto.