Xa está aquí o Galegote Rock, con tres días de música en galego por Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot
Cun espectáculo poético e un concerto acústico sobre letras de cancións e poemas de Bob Dylan traducidas ao galego. Así comezou este xoves unha nova edición do festival Galegote Rock que encherá Pontevedra de música en galego durante os próximos días.
A taberna do jazz acolleu a estrea en Pontevedra de Ela e Dylan: as flores solitarias, que representaron os músicos Helga Méndez e Roger de Flor. Todo iso a partir dun fío temático sobre a muller nas letras e na música de Bob Dylan.
Esta primeira xornada do Galegote Rock completouse cos concertos de High Paw en O Diaño e de Boyanka Kostova na Sala Karma. Este local será o escenario este venres dun dobre concerto con Sr. Anido e Gancho Sanches.
O día grande do festival, con todo, será o sábado. Arrancará ás 12.00 horas cun concerto de Marcelo Dobode no Campiño de Santa María, no que deixará ao carón a súa vertente folk e presentará o seu novo traballo discográfico, que conta cun estilo máis funk.
Ese mesmo espazo acollerá, ás 14.00 horas, ás seis bandas do programa Xeración Sónica, adolescentes de 12 a 16 anos que cantan en galego. A oferta matinal complétase con Pantis, ás 13.00 horas, na rúa Sor Lucía; e coa sesión DJ de Manuele Caamagno, que ofrecerá música rock en galego ás 15.00 horas na Praza de Méndez Núñez.
A música chegará ás Palmeiras, a partir das cinco da tarde, coa actuación de Grilo, unha banda de rock urbano, co indie electrónico de Chicharrón (18.00 horas) ou co pop protesta de Oh! Ayatollah (19.00 horas).
O prato forte deste Galegote Rock será a aposta pola música heavy de Malandrómeda, que actuará ás oito da tarde; e a presentación do novo disco de Terbutalina, que soará en directo desde as nove da noite.
Relacionadas:
-
RADIO.- Traemos ao 'Cara a cara' a química hardcorde do caldense Ícaro
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- A playlist de... Robert Beade, un tipo tranquilo con rock duro nos dedos
Por Marisa Ciordia |
-
A incubadora de bandas de Pontevedra inicia a súa segunda edición con seis grupos
Por Manu Otero |
-
Pontevedra goza dunha boa dose de música en galego cun novo Galegote Rock
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os eventos que se celebrarán durante a fin de semana contarán cun tempo de verán
Por Olaya Madrigal |
-
O Galegote Rock 'invadirá' o parque das Palmeiras para presumir de música en galego
Por Alejandro Espiño |