A Sociedad Filarmónica pecha tempada con Vivaldi nun concerto de "El Afecto Ilustrado"
Por Redacción
Organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra, o vindeiro luns 6 ás 20:30 horas terá lugar no Teatro Principal un concerto cuxo programa estará integramente dedicado ao músico veneciano Antonio Vivaldi.
O conxunto El Afecto Ilustrado será o encargado de interpretar varias obras, tanto instrumentais como vogais, do compositor barroco italiano.
Como solista, actuará a coñecida soprano canaria Estefanía Perdomo.
El Afecto Ilustrado nace durante o I Ciclo de Música Antiga da Catedral de Valencia no ano 2012. Concibido como un grupo de cámara innovador e versátil, a súa filosofía é presentar e achegar ao público unha interpretación historicista do repertorio comprendido entre os séculos XVII e XIX dunha forma próxima e tanxible.
O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional.
Os seus compoñentes, activos nos principais grupos do país, na docencia, ou na carreira solista, supoñen un compendio de ideas e ópticas que converten os proxectos de El Afecto Ilustrado en experiencias únicas e inspiradoras para o oínte. Con formatos de concerto pouco explorados, o obxectivo deste grupo está baseado en presentar e difundir programas dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de estudo e investigación musical e histórica.
Ademais da soprano Estefanía Perdomo, El Afecto Ilustrado fórmano dous violíns barrocos, viola barroca, violoncelo barroco, tiorba, guitarra barroca e archilaúd.
Con este concerto, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra pecha a súa tempada 2018/2019.