A exposición "Maside en Combarro" permitirá ver no Sexto Edificio máis de 100 obras
Por Redacción
"Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas" reúne no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra máis de 100 obras inéditas que o pintor creara durante a súa estancia nesta vila mariñeira durante o ano 1952.
"Estamos ante unha exposición moi orixinal que posiblemente a Carlos Maside lle gustaría ver montada porque el en vida só expuxo unha" asegurou este xoves un dos comisarios, Rafael Vallejo, na presentación da mostra.
O comisario estivo acompañado polo director do Museo, José Manuel Rey, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, coincidindo ambos en salientar que esta proposta expositiva incide no vínculo do Museo de Pontevedra coa posta en valor do patrimonio cultural da súa contorna máis próxima.
A principal característica da mostra é o motivo artístico escollido por Carlos Maside para traballar durante estes meses e que o comisario resumiu en "a Galiza modesta, das penurias e da emigración, e que transcende a Combarro".
O catálogo da mostra inclúe un total de 312 obras entre bocetos, debuxos a lápiz e a tinta, acuarelas e óleos.