Chega a Cotobade "Amantes da Terra", o espectáculo que homenaxea a Antonio Fraguas
Por Redacción
Este sábado 11 de maio as 21.00 horas no Pavillón do IES de Cotobade representarase o espectáculo "Amantes da Terra" concibido coma para homenaxear ao intelectual galego Antonio Fraguas ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.
"Poñemos sobre o escenario moito do que Antonio Fraguas nos deixou sobre o noso pasado, sobre os costumes do noso país, sobre as nosas festas, e propoñémolo coma unha ferramenta para construír o futuro", explican dende a productora Queiman e Pousa.
Música tradicional, baile, audiovisuais ou poesía son algúns dos elementos cos que construíron un espectáculo que protagonizan 130 artistas e que promove a Concellalía de Cultura de Cerdedo-Cotobade ao abeiro do Programa Musigal 2019 co que a Deputación de Pontevedra favorece a programación artística nos concellos da provincia.
Tanto na concepción do espectáculo coma no seu elenco, Queiman e Pousa quixeron contar con presenza de coñecemento e talento da terra natal de Antonio Fraguas. De aí a participación do grupo de gaitas e baile da Asociación Cultural Foula de Cerdedo-Cotobade.
Ademais, no traballo de investigación desenvolto para este espectáculo foi decisivo o apoio de investigadoras, veciños, amigos e institucións fondamente coñecedoras de Fraguas a a súa obra. É o caso da escritora e profesora Malores Villanueva, de Cerdedo-Cotobade e estudosa do traballo do intelectual homenaxeado. Institucións de ámbito galego, coma a Fundación Otero Pedrayo, tamén fixeron importantes achegas.
Sobre o estaribel estarán, ademais do gurpo de gaitas e baile de Foula, de Andrea Pousa e do Bruxo Queiman, dúas corais e unha banda de música. Trátase da Banda de Música Unión de Lantaño, e das voces da Coral Vales Mahía, de Bandeira, e da Coral San Salvador de Camanzo, de Vila de Cruces.
Tamén é moi importante, na construcción de ‘Amantes da Terra’, o traxe galego.
O traballo de investigación feito para o espectáculo é ademais a base dun documental sobre Antonio Fraguas de dez minutos de duración, que se proxecta ao inicio.